ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Nostián solución! É urxente millorar a xestión...

11-06-2014

Nostián solución! É urxente millorar a xestión dos residuos na Coruña e comarca

O manifesto "Nostián Solución", asinado por asociacións ecoloxistas, sindicatos, cooeprativas de consumo e colectivos sociais da Coruña, insta a concello e responsábeis da planta de Nostián a millorar a taxa de reciclaxe. Pódese e débese!

Os colectivos e entidades que asinamos este escrito consideramos que, cos axustes que sexa necesario, o modelo de recollida separada e o tratamento que Nostián pode ofrecer seguen a ser válidos, polo que facemos un chamamento ás administracións e a cidadanía en xeral a ter en conta a análise e propostas que de seguido facemos.

En datos de 2011, en todo o ámbito de Nostián conseguiuse reciclar o 13,4% dos residuos, unha cifra superior ao 8,2% do ámbito SOGAMA, pero moi inferior ao 35,7% do ámbito da planta comarcal do Barbanza, e sobre todo, moi inferior ao 80% de reciclaxe que están a alcanzar algunhas cidades e comarcas avanzadas, tanto no estado español como en Europa.

A recollida separada en orixe é imprescindible para que a planta poida acadar bos resultados de recuperación e reciclaxe. a participación cidadá e os resultados foron diminuíndo ao longo dos últimos dez anos. Unicamente a recollida de vidro (57% en 2011) pode considerarse medianamente satisfactoria, mentres que a recollida separada de papel/cartón, con só o 19% das cantidades xeradas, danos unha clara idea da actual situación. O contedor verde captura menos do 40%  dos residuos orgánicos, e faino ademais cunha calidade insuficiente, pola alta porcentaxe de impropios que contén en moitos dos ámbitos de recollida.


A responsabilidade desta situación non fica na cidadanía, senón nos axentes encargados:

  • A administración pública responsábel da xestión: o concello de A Coruña e o Consorcio das Mariñas, xunto cos restantes concellos daárea metropolitana.
  • A empresa de recollida do lixo na Coruña e no Consorcio: CESPA.
  • A empresa que xestiona a planta de Nostián: Albada(Grupo Urbaser).
As consecuencias da mala xestión de Nostián implican que estamos sendo responsables dun forte impacto medioambiental, tanto polo non aproveitamento dos recursos como pola contaminación que xeneran os residuos. E en segundo lugar estamos perdendo a oportunidade de xerar ata 500 empregos relacionados ca reciclaxe na comarca.

No documento instamos á todos os axentes a adoptar as medidas propostas como por exemplo, adoptar os cambios necesarios en Nostián para a elaboración de compost coa fracción orgánica recollida separadamente na orixe (contedor verde), esixindo da empresa o cumprimento das condicións da concesión e os obxectivos para os que foi creada a planta.

O modelo de xestión e a planta de Nostián seguen sendo válidas sempre e cando se reforce a recollida separada na orixe. Ademais, consideramos que actuacións complementarias tais como a compostaxe doméstica ou de mellora como a recollida porta a porta (que permite acadar porcentaxes de recuperación do 80% ou máis naquelas áreas onde se implanta) reforzarán a súa viabilidade.

Máis información:

Manolo Soto 647387769
Pablo Leira 615475763
Pilar Candelas 64 64 64 360

Colectivos asinantes:
ADEGA
15M de Monte Alto
CCOO
Greenpeace
Verdegaia
Liga Estudantil Galega
Zocamiñoca
Rede de Dereitos Sociais
Comités
Arquitectos Sen Fronteiras
Fronte Cívica
CIG
UGT
Proxecto Integral
FEG (Federación Ecoloxista Galega)

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal