ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Defensa sobre o vertedoiro de explosivos F-130:...

22-05-2014

Defensa sobre o vertedoiro de explosivos F-130: nen vixianza nen medidas de control

Defensa vén de informar a ADEGA sobre o vertedoiro de explosivos F-130 fronte á costa galega. Aliás de indicar a súa localización, o ministerio descoñece o tipo de munición fondeada e confirma que non fai seguemento nen vixianza algunha.

La Armada no dispone de información sobre el tipo de munición fondeada

Perante a inquedanza suscitada pola esistencia desta instalación (técnicamente "zona de lanzamento de cargas de profundidade e vertedoiro de explosivos") a pouca distancia da nosa costa, ADEGA preguntou á Xunta e ao Ministerio de Defensa pola situación deste vertedoiro e as medidas de control adoitadas.

As Consellarías do Mar e de Medio Ambiente respostaron non ter información, declarándose incompetentes e remitindo a Defensa. Pola súa banda, o Ministerio respostou indicando a localización precisa do vertedoiro: un círculo de 3 millas náuticas de radio centrado nas coord. 43º45'N, 09º02'W.

Aliás disto, informóusenos tamén que "Dado el tiempo transcurrido desde que dejaron de utilizarse [1995], actualmente la Armada ya no dispone de información donde se concrete el tipo exacto de munición fondeada".

La Armada no realiza ningún tipo de vigilancia especial

Achados de munición nas costas atlánticas (Fonte: OSPAR)

Tendo en conta os riscos que para a seguridade e a saúde ambiental e cidadá supoñen estas instalacións, o que motivou a prohibición destas actividades dende 1995 (convenio de Londres) chama a atención que Defensa recoñeza que "la Armada no realiza ningún tipo de vigilancia especial relativa a la contaminación de la zona".

Aliás de non saber que tipo de munición depositaron (e por tanto que contaminantes) en que estado se atopa e que riscos comporta para o ambiente e a saúde, o Ministerio tampouco controla esta instalación. Limítase a citar un informe da Convención OSPAR sobre a avaliación de impacto dos vertidos de munición convencional e química ao mar (ligazón) que aponta "La opinión científica mayoritaria está conforme con que las municiones presentes en el lecho marino no presentan riesgos para la salud humana ni para el entorno si no se altera su situación actual".

Mais como se van poder avaliar os riscos se non se sabe a súa situación actual? O propio documento da OSPAR indica que dende abril de 1999 a outubro de 2008 houbo 8 achados casuais de munición na costa galega, 7 deles preto do vertedoiro F-130 (ver imaxe). Ademais, os autores do informe apontan que hai un claro risco para pescadores e mergulladores nas áreas das verteduras, e que os contaminantes da munición convencional e química poderían chegar á cadea trófica.

ADEGA volta a reclamar ás administracións competentes, Ministerio e tamén a Xunta que tomen medidas, avalíen o estado actual do vertedoiro e fagan seguemento da posíbel contaminación asociada. A Xunta non pode excusarse na súa falla de competencia, xa que podería estar en risco a saúde dos nosos mariñeiros, aliás da contaminación, que non entende de límites administrativos.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal