ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O uso masivo de herbicidas nas estradas esténdese...

13-05-2014

O uso masivo de herbicidas nas estradas esténdese tamén aos camiños de ferro

ADIF vai fletar un comboio fumigador que verterá milleiros de litros de glifosato na vía Coruña-Ferrol

Unha perigosa práctica que non resolve nada

Coa chegada da primavera as beiras dos camiños e estradas galegas comezan a tinguirse dunha sospeitosa cor amarela. Esta vexetación seca revela o uso de potentes herbicidas como sistema rápido e barato para rozar o mato. Estes produtos conteñen potentes biocidas, particularmente o glifosato (popularmente coñecido como “Rondón” ou “Randón”, marca comercial “RoundUp”) e son perigosos para a saúde e o medio ambiente. Os millóns de litros destes tóxicos esparexidos polo país contaminan terras, fontes e acuíferos a acaban sendo inxeridos polos animais e a poboación.  

Todos os anos por estas datas ADEGA recibe ducias de chamadas denunciando o uso masivo dos sistemas de rozado químico nas estradas e beirarrúas. Coa crise, o rozado mecánico substitúese polo máis barato rozado químico e cada vez son menos os concellos que apostan polo rozado manual ou mecánico para a limpeza das súas estradas, co que ademais pérdense postos de traballo. Aliás, que o uso de herbicidas non diminúe o risco de lumes, senón ao contrario. Tonedadas de mato seco e vexetación morta permanece nos noiros e beiras das estradas. Unha enosme masa de combustíbel na época de máis alto risco de lumes.

O comboio fumigador: Unha manchea de riscos para aforrar cartos

Desta volta, a alerta chega pola suposta intención de ADIF, o xestor das infraestruturas ferroviarias, de fletar um tren fumigador para eliminar a vexetación la liña Coruña-Ferrrol. O comboio irá esparexendo o herbicida con dispersores nas dúas beiras da vía. Serán milleiros de litros de tóxicos que se inxectan nos ecosistemas, acuíferos e mesmo ao carón de cultivos, pasteiros e vivendas. Aliás, fontes internas do servizo alertaron do risco para a seguridade feroviaria que supoñen estas prácticas: Ao eliminar a suxeición das plantas, as trincheiras e noiros desconsolídanse, podendo dar lugar a derrubamentos sobre a vía.  

Descoñecemos se esta práctica atinxe só a esta liña ou é común ao resto da rede de camiños de ferro. Dende ADEGA xa solicitamos a ADIF información sobre estas prácticas, tipo de substancias empregadas, doses e medidas de seguridade para e vitar a contaminación do ambiente e das persoas. Convidamos ás administracións e en particular a ADIF, a abandonar estas perigosas prácticas substituíndoas polo rozado mecánico: O barato, como vimos en Angrois, pode rematar custando moi caro.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal