Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Rueda xibariza a tramitación ambiental para...
14-11-2025
A Xunta vén de presentar o proxecto de Lei de Administración Ambiental Simplificada, para segundo di, coordinar e unificar diversos trámites ambientais e reducir cargas administrativas. Vai substituir á venerábel Lei 1/1995 de Protección Ambiental de Galiza, a primeira lei ambiental do fraguismo, unha norma con 30 anos de vixencia modificada repetidamente por leis de “acompañamento” e normativa sectorial.
Chama a atención, en primeiro lugar, o propio nome da lei, polo que supón de mudanza de paradigma: substituír a protección do ambiente pola súa “administración”. É a un tempo unha declaración de intencións e unha confesión: o PP na Xunta teima en “simplificar” todo o relacionado cos controis ambientais, e xa postos, co medio ambiente. Fíxoo compulsivamente durante a era Feijóo, e Rueda quere rematar o traballo de reducir a Xunta a un simple portelo de expedición de permisos.
A nova lei pretende unificar os trámites das diversas avaliacións e autorizacións ambientais, particularmente da AAI -autorización ambiental integrada-,ao coordinala coa AAE -avaliación ambiental estratéxica-, a AIA -avaliación de impacto ambiental- e o IIA -informe de incidencia ambiental-. Incorpora tamén disposicións de normas anteriores, que tamén modifica, como a de competitividade (Lei 9/1013) a de “depredación” (Lei 5/2017), ou a de simplificación administrativa (Lei 9/2021), afectando tamén á Lei de Patrimonio Natural (5/2019) e mesmo ao Plano Director da Rede Natura 2000 (Decreto 37/2014).
Como principais novidades, a norma crea un novo trámite administrativo, a Autorización Ambiental Integrada Simplificada, aplicábel a instalacións industriais “de menor impacto”, e incorpora, a través dunha disposición adicional, a aceleración dos proxectos das enerxías renovábeis recollidas na Directiva UE 2018/2001.
Con respecto á Autorización Ambiental Integrada Simplificada, esta aplicarase a proxectos que, non estando sometidos a AAI ordinaria, deban obter dúas ou máis autorizacións sectoriais (por emisións á atmosfera, de GEIs, recollida ou tratamento de refugallos, verteduras ao DPH ou verteduras ao mar), ou unha das anteriores xunto coa Avaliación de Impacto Ambiental (AIA). Esta “simplificación” implica tamén que os proxectos sometidos a AAI simplificada se someterán ao trámite de información pública (20 días) só se precisan autorización de vertedura ou deban someterse a avaliación de impacto ambiental, e ademais, non se publicarán para consulta na sede dos concellos.
Para as demais autorizacións -Proxecto Industrial Estratéxico (PIE), AAI ordinaria, Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE), Avaliación de impacto ambiental (AIA) e autorización substantiva)-, o trámite de información pública será único e simultáneo coa consulta ás partes interesadas, a solicitude doutros permisos e dos informes preceptivos. No trámite de alegacións, a solicitude de declaración de persoa interesada xa debe incluír a documentación xustificativa de solicitar tal condición. A Xunta terá que resolver os procedementos en 3 meses (agás os PIE, en 45 días), e estes prazos reduciranse nun mes se intervén unha entidade de colaboración ambiental. Deste xeito, aliás de “colapsar” varios trámites antes consecutivos e xibarizar a participación pública, a Xunta consolida unha privatización mal encuberta das tramitacións ambientais de proxectos e relega aos que non conten con esta “colaboración” privada.
Os concellos tampouco saen ben parados nesta nova lei: por unha banda, a Xunta fúrtalles competencias urbanísticas, xa que non terán que informar sobre a compatibilidade dos PIE co PXOM; e por outra, delega neles o seguimento de todas as actividades sometidas a AAI, non só os da súa competencia, se verten á rede municipal.
Finalmente, e como é habitual no proceder lexislativo da Xunta, a norma contén tamén disposicións adicionais e finais con importantes cargas de profundidade: na Disposición adicional 2ª, relativa á aceleración dos proxectos eólicos, a Xunta incorpora a exención da avaliación ambiental para proxectos de enerxías renovábeis (eólicos, hidroeléctricos, de produción de enerxía eléctrica e vapor, de transporte de enerxía), incluídos o depósito subterráneo de gases combustibles e de produtos petroquímicos e químicos, así como as modificacións dos xa autorizados ou en proceso de execución, establecida na Directiva (UE) 2018/2001.
Esta exención significa que poderán saltar as Directivas 2011/92/UE de Avaliación ambiental e a 92/43 CEE de Hábitats, a condición de aprobar previamente un plano de designación das zonas de aceleración renovable eólica e sometelo ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica. Ao tempo, na Disposición final 3ª, a Xunta modifica o Plano Director da RN2000 para eximir as liñas de evacuación de enerxía da exclusión que os proxectos eólicos, hidroeléctricos e fotovoltaicos teñen decretada nos territorios baixo esta figura de protección.
Con esta nova lei, a Xunta, ao abeiro da vaga desreguladora e extractivista preconizada polo trumpismo, afonda no baleirado de contido da lexislación de protección ambiental.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal