Inicio / Novas / Delegacións / Nas podas e clarexos de estradas e beirarrúas,...
24-04-2014
Veciños e veciñas de Meira véñense de dirixir a ADEGA para que se reclame a atención sobre o que persoas operarias están a facer nas beiras da estrada a Meira. A forma en que se están a realizar as podas, limpeza ou mellor dito, a adecuación das beiras das vías de comunicación dista moito de ser a máis axeitada.
En ausencia dunha normativa específica que regule estas actuacións, o proceder dos operarios na N-642 é basicamente a utilización de debrozadoras que eliminan aquelo que se considere "molesto", sen moita máis contemplación.
Ben diferente é o proceder dos operarios na N-VI, na contorna da cidade de Lugo onde o coidado é moito máis intenso e mesmo os traballos a pé son máis profusos. Convértese neste último caso nun traballo de xardinería.
Non imos entrar nos razoamentos polos que hai esa diferencia nas actuacións, pero si que diriximos a Fomento un escrito coas seguintes indicacións:
1º Consideramos que as institucións deberan servir de modelo de actuación de cara á veciñanza, xa que a través destas prácticas, transmiten valores e condutas que serven de aprendizaxe. A día de hoxe son as propias institucións os axentes máis agresivos co contorno. No caso que nos ocupa, o xeito de levar a cabo tales actuacións é o perfecto manual do que non se debe facer cunha árbore.
2º As árbores autóctonas cumpren un papel de seguridade viaria importante: reducen a forza dos ventos, minimizan as xeadas ou o efectos da calor, amortecen os cegamentos do sol, axudan a minimizar os riscos por desprendementos..., funcións compatibles co seu afastamento para evitar colisións directas.
3º Noutros casos a supresión de árbores queda tamén en entredito quedando ao arbitrio do operario.
4º Con todo, solicítase a modificación das actuacións na N-642 e a adecuación das prácticas ao tipo de vexetación e lugar. A execución técnica debera ser outra atendendo a podas eficientes, por exemplo, usando cortes limpos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal