ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA insta a Patrimonio a catalogar as árbores...

22-04-2014

ADEGA insta a Patrimonio a catalogar as árbores singulares dos camiños de Santiago

Para que non se volvan a repetir casos como o do Carballo da Chanca, morto por unha poda salvaxe

Carballo da Chanca, antes de ser talado

ADEGA, membro do Foro do Camiño Primitivo, vén de pedir ante á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura que se investiguen responsabilidades na tala ilegal do emblemático Carballo da Chanca e que protexa de maneira específica na delimitación oficial dos camiños de Santiago aqueles elementos naturais simbólicos das vías xacobeas.

O Carballo da Chanca era unha árbore centenaria do Camiño Primitivo situada no lugar de Castelo de Arriba, que constituía un dos símbolos naturais máis relevantes do Camiño de Santiago, e o exemplar máis emblemático da ruta xacobea en Lugo. Este exemplar senlleiro de 1,30 metros de diámetro marcou durante 300 anos o lugar de encrucillada entre dúas calzadas históricas de peregrinaxe, a vía xacobea primitiva e a “via regia” chegada desde o Cantábrico por Meira, tamén coñecido como Camiño Norte. Era o símbolo da atalaia desde onde os peregrinos procedentes de ambos camiños contemplaban o burgo lucense, e foi obxecto de veneración e recoñecemento por parte de relevantes persoeiros da nosa historia.

ADEGA reclama á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que dispoña dos recursos e medidas necesarias para evitar que este tipo de agresións contra o patrimonio ambiental e cultura  dos camiños históricos se cheguen a perpetrar. Desde hai tempo, pero sen éxito, ADEGA xunto con outros colectivos pertencentes ao Foro do Camiño, vén reclamando que se protexan de xeito específico a través da súa catalogación as árbores singulares da vía primitiva na súa delimitación oficial, ao constituíren un importante valor patrimonial e ambiental dentro do seu territorio histórico. No obstante, esta foi unha das nosas alegacións que incomprensiblemente a Xunta desatendeu no período de exposición pública do proxecto de delimitación aprobado finalmente en decembro de 2012.

A falta dunha referencia específica das árbores senlleiras e simbólicas do Camiño na súa delimitación oficial pon en risco a integridade das mesmas e favorece este tipo de atentados que están a acabar co patrimonio natural histórico dos camiños a Compostela. Á vista dos acontecementos, faise patente a urxente necesidade de dispoñer un réxime especial de protección para aqueles elementos naturais que son símbolos emblemáticos do Camiño, como son as numerosas árbores senlleiras que acompañan todo o seu trazado orixinal.  

Cautelas especiais fronte a limpeza das liñas eléctricas

Restos do carballo talado da Chanca

Segundo declaracións dos veciños e veciñas da Chanca aparecidas na prensa, o Carballo foi cortado logo de que hai catro anos unha compañía eléctrica podara de maneira “salvaxe” a árbore provocando a súa seca e posterior morte. Ao marxe de confirmarse esta hipótese, debemos indicar que ADEGA ten denunciado en numerosas ocasións talas de árbores singulares ou de especial porte ou valor ecolóxico que foron fanadas en labores de limpeza de liñas eléctricas executadas sen os permisos preceptivos de Medio Rural, Medio Ambiente ou Patrimonio, sen o coñecemento dos propietarios das árbores e co amparo da indiferenza da Administración. Consideramos que esta forma asoballante de proceder por parte das compañías eléctricas e de “deixar facer” por parte da Xunta constitúe un serio risco para o noso patrimonio natural e tamén cultural.

Por tanto, pedimos á Xunta de Galiza que faga cumprir a lei e que obrigue ás compañías eléctricas ou responsables do mantemento das  liñas eléctricas a pedir informes preceptivos dos organismos autonómicos competentes na defensa dos valores ambientais e culturais do país, nomeadamente, cando as podas ou talas afecten a territorios dos Camiños históricos, a espazos protexidos ou a espazos de especial relevancia histórico-cultural. Así mesmo, instamos á Xunta a que vele tamén polas árbores ou formacións arbóreas de especial relevancia cultural, ambiental ou histórica no momento do trazado e instalación das liñas eléctricas para evitar futuras complicacións na súa conservación.

Máis talas no Camiño Primitivo de Lugo

Outros 15 carballos foron talados á entrada de Lugo polo Camiño Primitivo

ADEGA tamén vén de denunciar a tala doutros 15 carballos incluídos tamén na zona de delimitación do Camiño Primitivo, á altura de Castelo de Arriba, á entrada á cidade de Lugo. Tampouco ningunha destas cortas contou coa preceptiva autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, encargada de velar pola aplicación  da lexislación referida á protección dos camiños históricos a Compostela. A denuncia xa foi tramitada pola Policía Autonómica e trasladada á Consellaría de Cultura, segundo nos informaron os axentes.

Desde ADEGA poñemos de manifesto a nosa indignación polos atentados que de xeito continuo se están a producir no territorio histórico do Camiño Primitivo, especialmente, contra aqueles que afectan os seus valores ambientais, e reclama maior vixilancia e protección destes elementos por parte da D.X de Patrimonio Cultural. Así mesmo, lembra que actualmente, por deficiencias coma esta, a delimitación oficial do Camiño primitivo está recorrida por vía xudicial no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal