07-04-2025
"Xustiza para o Ulla" supera os 30.000 euros recadados para enfrontar a loita xurídica contra Altri
A campaña de doazóns impulsada por ADEGA para emprender a loita xudicial contra a celulosa de Altri vén de superar os 30.000 euros recadados en pouco máis dunha semana. A organización ecoloxista lanzou o micromecenado Xustiza para o Ulla o pasado 28 de marzo co obxectivo de reunir os fondos necesarios para a defensa xurídica do Ulla e da ría de Arousa fronte á macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino. O éxito desta campaña é unha clara mostra da solidariedade do pobo galego coa defensa da terra fronte a estes dous proxectos depredadores e contaminantes.
O actual reto de recadación, vinculado á loita contra a celulosa, superou xa o 75% do obxectivo de recadación, que ascende a 39.100 euros. Estes fondos permitirán a ADEGA enfrontar, con garantías económicas, técnicas e xurídicas, dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.
Máis alá deste primeiro reto, ADEGA irá lanzando novos obxectivo sconforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta de Galiza que sexan favorables á execución da fábrica de celulosa de Altri ou á mina de Touro-O Pino. Os custos da loita xurídica (recursos, demandas, medidas cautelares, informes periciais, eventuais caucións e/ou costas...) contra ambos os dous proxectos poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais que haxa que emprender nos vindeiros meses, mais se a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles, estes poderían superar os 100.000 euros.
ADEGA mostra o seu fondo agradecemento a todas as persoas que están contribuíndo coa campaña "Xustiza para o Ulla" e chama a facer un último esforzo de recadación para superar con éxito este primeiro obxectivo. As doazóns poden realizarse a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla; e todas as contribucións contarán con beneficios fiscais de ata o 80% na declaración do IRPF.
Decálogo de realidades fronte ás trolas de Altri
Ao tempo, a organización ecoloxista ADEGA lanza un decálogo de "realidades" fronte aos nesgos e falsidades difundidos pola promotora. A macrocelulosa proxectada en Palas de Rei constitúe un proxecto industrial altamente contaminante e depredador do territorio que tanto Altri coma Greenalia envolven en promesas de sustentabilidade, economía circular e creación de emprego. Como resposta, o seguinte:
- TROLA 1: "Non somos unha macrocelulosa e fabricaremos só fibras solubles para a industria téxtil". REALIDADE: Altri é unha macrocelulosa desde o momento no que ocuparía 366 hectáreas de terreo, 8 veces o tamaño da celulosa de Pontevedra e 9 veces o tamaño da celulosa de Navia. Fabricaría 400.000 toneladas de celulosa (pasta soluble DWP) e 200.000 t de lyocell ao ano.
- TROLA 2: "Utilizaremos só eucalipto xa existente en Galiza". REALIDADE: Non sería posible abastecer a nova fábrica sen incrementar a área ocupada por plantacións de eucalipto en Galiza (entre 80.000 e 190.000 hectáreas adicionais, que se engadirían ás 600.000 actuais en masas puras e mixtas) ou sen importar un volume considerable de madeira.
- TROLA 3: "O motivo polo que queremos instalarnos en Galiza non é que en Portugal non nos queiran". REALIDADE: Altri recoñeceu publicamente que inviste en Galiza por falta de eucaliptos en Portugal para a súa industria, logo das restricións ás plantacións que se impuxeron no país veciño tras a vaga letal de incendios en 2017; e polas facilidades prestadas pola Xunta.
- TROLA 4: "Non destruiremos a contorna natural. Crearemos un cinto verde de especies autóctonas e unha área de compensación de especies protexidas". REALIDADE: Destruirán unha contorna natural única. A industria proxéctase ás portas da ZEC Serra do Careón e nunha zona de ampliación da Rede Natura. Non é viable ningunha proposta compensatoria ou paliativa mediante translocación de especies ameazadas e endemismos. Se o solo non reúne exactamente a mesma estrutura de onde se deron inicialmente, estas especies serán desprazadas por outras máis competitivas. Calquera actuación de translocación comporta en si mesma unha ameaza.
- TROLA 5: "Somos compatibles con selos de produción ecolóxica". REALIDADE: A calidade do produto baixará, e existe risco de rexeitamento das persoas consumidoras perante un produto ecolóxico procedente dos arredores da celulosa.
- TROLA 6: "Non consumimos auga". REALIDADE: Altri faría un uso consuntivo da auga, xa que non devolvería toda a captada, nin nas mesmas condicións nin no mesmo lugar de onde a extraería. Precisaría 46 millóns de litros/día, pero vertería só entre 12 e 30 millóns, de maneira que consumiría entre 16 e 34 millóns (máis que Compostela ou A Coruña, respectivamente).
- TROLA 7: "A lexislación impide que un proxecto industrial europeo dane a saúde. As emisións de partículas están moi por baixo do que esixe a normativa". REALIDADE: Altri omite boa parte dos seus contaminantes. Non cuantifica as emisións de partículas finas PM 2.5, problemáticas para a saúde pública e o medio ambiente; nin de dióxido de carbono e monóxido de carbono. As súas emisións son superiores ás de Ence-Pontevedra e ás do conxunto das celulosas do Estado. Sorprendente que unha celulosa de nova instalación vaia contaminar máis ca plantas antigas!
- TROLA 8: "As cifras sobre os postos de traballo, 500 directos e 2.000 indirectos, nunca variaron". REALIDADE: O 29 de decembro de 2022, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mentres anunciaba a declaración da celulosa como “proxecto industrial estratéxico”, falou de 2.500 postos directos.
- TROLA 9: "O proxecto industrial é o mesmo desde a orixe". REALIDADE: O baile de cifras sobre produción foi constante. Inicialmente, produciría ao ano 250.000 toneladas de celulosa e 60.000 de lyocell. En febreiro de 2022, Altri falaba de 200.000 t de celulosa e 100.000 t de lyocell. En setembro dese mesmo ano, revisou as cifras: 200.000 t de celulosa e 60.000 t de lyocell. E finalmente, Altri podería fabricar ata 400.000 t de celulosa e 200.000 t de lyocell para industria téxtil ao ano.
- TROLA 10: "Non afectará o turismo nin o Camiño de Santiago". REALIDADE: O propio ICOMOS-España (comité español desta ONG ligada á ONU a través da UNESCO) alertou sobre o “forte impacto” da industria “na paisaxe que define a ruta xacobea” e os seus elementos arquitectónicos.
Informe Altri. Celulosa do século XX para o XXI
Falsidades e nesgos coma estes desmóntanse a través do libro "Informe Altri. Celulosa do século XX para o XXI", editado por ADEGA e autoría do doutor en Bioloxía, ex-presidente de ADEGA e referencia no ecoloxismo galego, Ramón Varela. Ao longo de 120 páxinas, Varela demostra, en base a análises comparativas con outras celulosas de Galiza, do Estado e de Europa, que o Proxecto Gama de Altri e Greenalia constituiría unha das celulosas con maiores impactos sobre o aire, a terra e a auga de Galiza. Esta publicación, que segue á venda e pode reservarse nesta ligazón, ten como obxectivo favorecer unha opinión crítica da veciñanza directamente afectada e do conxunto da poboación galega en torno ao proxecto de implantación desta factoría. Os fondos recadados irán destinados á campaña de ADEGA contra a celulosa de Altri.
Novas relacionadas