ADEGA

Inicio / Novas / Todas / "Xustiza para o Ulla": a campaña de ADEGA que...

27-03-2025

"Xustiza para o Ulla": a campaña de ADEGA que levará aos tribunais Altri e a mina de Touro

  • ADEGA lanza unha campaña de recadación solidaria para poder afrontar a inevitábel contenda xudicial contra a Xunta e os proxectos de Altri e a mina de Touro na bacía do Ulla.
  • Nos próximos tes meses, a campaña aspira a recadar 39.100 euros para poder impugnar o trámite de augas e a Autorización Ambiental Integrada de Altri.
  • A campaña “Xustiza para o Ulla” está aberta á participación de entidades colaboradoras que procuren á defensa do Ulla e da ría de Arousa.

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) vén de lanzar unha campaña de recadación solidaria ou colectiva co propósito de conseguir os medios económicos necesarios que permitan defender xuridicamente o río Ulla fronte as súas dúas principais ameazas ambientais: a macrocelulosa de Altri e a mina de Touro-O Pino. A asociación ecoloxista galega anunciou hoxe en rolda de prensa que adoptará todas as medidas e accións xurídicas que sexan necesarias para evitar que estes dous proxectos industriais, extremadamente contaminantes e depredadores de recursos, acaben executándose no noso país.

A campaña “Xustiza para o Ulla” é a primeira iniciativa de recadación colectiva promovida por unha entidade social sen ánimo de lucro e de utilidade pública, que ofrece a posibilidade á sociedade galega de contribuír de forma libre e directa á loita xudicial contra as autorizacións da Xunta de Galiza a estes dous megaproxectos industriais, altamente agresivos co medio ambiente e coas persoas. 

ADEGA lanza esta iniciativa coa esperanza de acadar cotas de éxito iguais ou superiores ás conseguidas a través da campaña de recadación solidaria “Ti podes paralos!” contra a invasión eólica, grazas á que conseguiu recorrer e paralizar cautelarmente nos xulgados unha trintena de proxectos eólicos.

“Xustiza para o Ulla” ten vocación de permanencia mentres a celulosa de Altri e a mina de Touro manteñan a súa vontade de instalarse a carón da bacía do Ulla e acaden o apoio das administracións públicas. Con tal fin, propón tres liñas de recadación solidaria: unha primeira para recorrer xudicialmente a macrocelulosa de Altri (Xustizaulla_AltriNon); unha segunda para emprender accións xudiciais contra a reapertura da mina de Touro-O Pino (XustizaUlla_MinaNon); e unha terceira que recadará doazóns para o fondo común (XutizaUlla_FondoComun) da campaña xeral na defensa xurídica do Ulla e, por extensión, da ría de Arousa. 

Os custos derivados da loita xurídica contra a celulosa de Altri e a mina de Touro poden variar dependendo do número e entidade dos procedementos xudiciais que haxa que emprender nos vindeiros meses, mais se a Xunta outorga todas as autorizacións recorribles, estes poderían superar os 100.000 euros.

A loita xudicial: inevitábel fronte a un goberno autoritario e antidemocrático

Tras a publicación da Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorábel da macrofactoría de celulosa en Palas de Rei e o anuncio, por parte da conselleira de Medio Ambiente, da resolución da Autorización Ambiental Integrada para antes do verán, todo indica que a loita xudicial contra o proxecto Greenfiber vai ser inevitábel. Tanto o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, como as súas conselleiras de Industria e Medio Ambiente, están dispostas a sacrificar sectores socioeconómicos estratéxicos para o país, como a agricultura ou a pesca, e todos os valores ambientais, culturais e sociais vinculados ao río Ulla e á ría de Arousa, con tal de favorecer os intereses privados de Altri e Greenalia. 

Doutra banda, a reapertura da mina de Touro-O Pino promovida por Cobre San Rafael, ameaza con acadar nos vindeiros meses o permiso ambiental e a autorización administrativa da Xunta, unha vez superado o trámite de información pública e tendo xa aprobada a concesión administrativa de augas. 

O autoritarismo do goberno de Alfonso Rueda e a súa teima de querer autorizar ambos proxectos, caia quen caia, e independentemente da vontade popular ou dos impactos que estes teñan no territorio, impide a efectividade real do uso dos instrumentos democráticos de oposición no ámbito administrativo. É por iso que as organizacións sociais que defenden intereses xerais, e a sociedade galega no seu conxunto, non van ter máis remedio que apelar ao amparo das institucións xudiciais para facer valer os intereses públicos fronte a imposición forzosa de proxectos industriais con repercusións extremadamente negativas para o país. A Xunta está disposta a saltarse as regras de xogo democráticas a xulgar pola súa reacción de desprezo e indiferencia diante de todas e cada unha das multitudinarias mobilizacións do pobo galego en contra do proxecto da macrocelulosa de Altri, a máis recente, a celebrada o 22 de marzo na Pobra do Caramiñal.

28 de xuño: data límite para acadar o primeiro reto na defensa xurídica do Ulla

ADEGA irá activando os distintos retos de recadación conforme se vaian dando ou anunciando as distintas resolucións administrativas recorribles da Xunta de Galiza que sexan favorábeis á execución da fábrica de celulosa de Altri ou á mina de Touro-O Pino. 

O primeiro reto da campaña será acadar os fondos necesarios para afrontar dous recursos contencioso-administrativos no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG): 1. A impugnación da Autorización Ambiental Integrada (AAI) do proxecto de Altri e Greenalia, anunciada para antes do verán, e 2. O recurso contra a denegación da solicitude de arquivo do trámite da concesión de augas, por ter excedido o prazo máximo para a súa resolución sen que esta se producise.

Para poder abordar con garantías económicas, técnicas e xurídicas todas as fases dos procedementos xudiciais mencionados por parte de ADEGA, o obxectivo mínimo de recadación será de 39.100 euros, que haberá que conseguir a través de doazóns nos vindeiros tres meses, sendo o 28 de xuño a data límite para conquirir o reto. 

ADEGA convida a outras entidades sociais e plataformas opostas a estes dous proxectos agresivos co territorio a participar na campaña como entidades colaboradoras, e apela á solidariedade da sociedade galega no seu conxunto para poñer contra as cordas da Xustiza á Xunta de Galiza e ás empresas depredadoras. As doazóns a esta campaña obterán beneficios fiscais, que poderán acadar ata un 80% na declaración do IRPF. 

As doazóns poderán efectuarse a través da páxina web da campaña: https://adega.helpbysc.com/xustizaulla 


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal