ADEGA

Inicio / Novas / Todas / Un cento de xacementos arqueolóxicos da provincia...

27-03-2025

Un cento de xacementos arqueolóxicos da provincia de Lugo, en risco por labores forestais

Mariña Patrimonio e ADEGA identificaron na provincia de Lugo, ao longo do ano 2024 e comezos do 2025, 101 xacementos arqueolóxicos afectados por labores forestais. En concreto, 80 xacementos foron afectados por plantacións de eucaliptos, 19 por piñeiros e 2 por outras causas.

A corta do monte, con apertura de vías de saca, o paso de maquinaria pesada sobre os xacementos e a preparación do terreo para as plantacións forestais, que inclúe os buracos e os sucos de plantación, provocan en moitos casos danos graves e incluso a destrución de bens patrimoniais protexidos. Ademais, as raíces acaban afectando as estruturas e os estratos arqueolóxicos, o que contribúe á súa alteración ou destrución progresiva.

Desde o ano 2009, Mariña Patrimonio e ADEGA veñen realizando un seguimento continuado das afectacións a xacementos arqueolóxicos na Mariña, documentando os impactos sobre o patrimonio e denunciando os casos detectados. Un dos métodos empregados para identificar estas agresións é a comparación das imaxes aéreas dispoñibles en internet, coas que se revisan as actualizacións das ortofotografías para detectar cambios no terreo que poidan indicar a alteración de elementos patrimoniais. Unha vez detectadas estas posibles afectacións, voluntariado das asociacións desprázase a cada un dos xacementos identificados para comprobar in situ a existencia dos danos.

Dende entón, ambas asociacións levan presentadas numerosas denuncias perante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, nas que se alerta dos danos causados por intervencións forestais e outras actividades que incumpren a normativa de protección patrimonial.

A zona centro da provincia a máis afectada

No ano 2024, varios visores cartográficos actualizaron as súas imaxes aéreas, polo que, como vén sendo habitual, Mariña Patrimonio e ADEGA realizaron unha revisión para detectar posibles afectacións ao patrimonio. Ao examinar as novas imaxes, constataron que na Mariña, a zona da provincia de Lugo con maior superficie dedicada ás plantacións de eucaliptos, só se detectaron 7 xacementos arqueolóxicos afectados.

Ante esta situación, decidiron ampliar a revisión ao resto da provincia para comprobar se esta tendencia se repetía noutras zonas. Na zona sur apenas atoparon casos, mentres que na zona centro detectaron un número elevadísimo de xacementos afectados. A revisión comparativa das imaxes máis recentes (2023-2024) coas anteriores do ano 2020 permitiu identificar 94 dos 101 xacementos posiblemente afectados, cunha concentración masiva na zona centro da provincia. Tras esta análise, visitaron os mencionados xacementos para verificar sobre o terreo a existencia das intervencións forestais e confirmar as posibles afectacions.

A diferenza entre ambas zonas é evidente: onde hai control cidadán e preocupación polo patrimonio, as empresas forestais e as persoas propietarias actúan con máis cautela. Na Mariña, tras anos de seguimento e denuncias por parte de Mariña Patrimonio e ADEGA, os xacementos reciben un maior respecto porque as intervencións forestais están vixiadas e hai un maior risco de que as infraccións sexan denunciadas.

Pola contra, na zona centro, onde o seguimento non foi tan constante nin exhaustivo, e onde a inacción da Dirección Xeral de Patrimonio é evidente, a destrución do patrimonio continúa con total impunidade. A falta dun control efectivo por parte da administración fixo desaparecer na práctica calquera protección real dos xacementos. A ausencia de vixilancia permite que moitos propietarios e empresas forestais actúen con total liberdade, sen temor a repercusións legais, perpetuando así a degradación do noso patrimonio.

As empresas forestais e as persoas propietarias levan a cabo estas actuacións porque consideran que a cidadanía e as asociacións non teñen capacidade para fiscalizar as súas intervencións nin para presionar a administración para que actúe contra estas prácticas, malia ir en contra da normativa de protección.

Estas 101 posibles afectacións a xacementos arqueolóxicos, legalmente protexidos, foron postas en coñecemento da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural mediante as correspondentes denuncias, co obxectivo de que se investiguen e se comprobe se as plantacións forestais cumpriron coa normativa vixente en materia de protección do patrimonio cultural. Así mesmo, solicitouse a apertura de expedientes sancionadores contra as persoas responsables, a retirada das árbores plantadas e a adopción de medidas para corrixir os danos causados.

Acto informativo o próximo xoves

Para dar a coñecer esta situación na provincia de Lugo, ADEGA e Mariña Patrimonio organizan un acto informativo o xoves 3 de abril ás 20:00 h no Vello Cárcere de Lugo.

O evento contará coas intervencións de Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio, e Xosé Manuel Rodríguez, membro de ADEGA, que explicarán os traballos realizados, os métodos empregados para identificar os danos e as medidas que se solicitaron á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural para frear a destrución do noso patrimonio arqueolóxico. Este acto está aberto a todas as persoas interesadas en coñecer esta problemática e a situación do patrimonio arqueolóxico en Galicia.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal