Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo solicita a suspensión da poxa de...
27-03-2025
ADEGA vén de solicitar a suspensión do procedemento de alleamento de 16 parcelas en Antas de Ulla por parte da Deputación de Lugo. Entendemos inaceptable que a poxa poida ter lugar por encargo dalgún grupo empresarial, e polo tanto, sen ter analizado outros aproveitamentos públicos dos terreos afectados. E ademais, que tal venda puidera incorrer nunha malversación do patrimonio público, tras apreciar tamén irregularidades no expediente de alleamento (oferta de parcelas non inscritas no Rexistro da Propiedade).
Mediante acordo adoptado pola Xunta de Goberno da Deputación provincial de Lugo o pasado 14 de marzo, dita Administración preténdese desfacer, mediante alleamento ou venda, duns terreos mercados por ela hai uns 15 anos coa finalidade de crear un polígono industrial en Antas de Ulla. Tras iniciar a redacción dun plan urbanístico para tal fin no ano 2007, este non chegou a tramitarse e o polígono non se chegou a urbanizar, sen que a Deputación teña dado desde entón ningún aproveitamento aos terreos.
En decembro de 2024 tivera lugar un acto público en Antas de Ulla, auspiciado pola súa alcaldesa, no que se presentara unha iniciativa empresarial de construción dunha planta de obtención de biogás a partir de xurros. Neste acto deuse a entender que tal iniciativa se prevía executar nos terreos que agora pretende allear a Deputación, o que, ademais de carrexar preocupación entre a veciñanza da contorna -tanto da vila de Antas de Ulla, situada a aproximadamente medio quilómetro dos ditos terreos, como doutros núcleos rurais aínda máis próximos-, deu a entender a existencia dunha concertación de intereses entre as Administracións implicadas -Deputación e Concello de Antas- e o devandito grupo empresarial, a quen toda a veciñanza dá xa por adxudicatario da poxa que terá lugar na principios de abril.
Por outra banda, segundo informacións recadadas de anteriores propietarias dos terreos afectados, o prezo polo que se pretenden poxar os terreos podería ser menor ao que no seu día pagou a Administración por eles.
Considerando reprobable que a venda destes terreos públicos poida ir dirixida a beneficiar a un grupo empresarial cuxo proxecto pode carrexar efectos negativos para a veciñanza e para o medio ambiente, así como que nin a Deputación nin o Concello de Antas teñan valorado a posibilidades de dar outros usos públicos aos terreos, e que tal venda puidera incorrer nunha malversación do patrimonio público, tras apreciar tamén irregularidades no expediente de alleamento (oferta de parcelas non inscritas no Rexistro da Propiedade), ADEGA vén de solicitar a suspensión do procedemento de alleamento perante a Deputación de Lugo e o estudo doutros posibles usos ou aproveitamentos públicos nos terreos afectados.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal