ADEGA

Inicio / Novas / Todas / A sentenza do Supremo sobre Campelo non soluciona...

26-03-2025

A sentenza do Supremo sobre Campelo non soluciona o caos eólico provocado pola Xunta

  • O Tribunal Supremo resolve que a fragmentación artificial virá dada polos efectos de determinar unha adecuada e suficiente avaliación ambiental dos proxectos eólicos que comparten infraestruturas.
  • Lonxe de avalar a política eólica da Xunta, o Supremo ratifica que haberá que avaliar o proceder da administración galega caso a caso.
  • O pronunciamento do TXUE sobre a cuestión prexudicial formulada polo TSXG será determinante na resolución dos procesos xudiciais en curso.


No día de onte, o Tribunal Supremo notificou á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e á Plataforma para a Defensa da Cordilleira Cantábrica (PDCC), o seu fallo polo que vén de estimar o recurso de casación interposto pola Xunta de Galiza, a Asociación Eólica de Galiza e Greenalia fronte á sentenza do TSXG que anulou as autorizacións administrativas relativas ao Parque Eólico Campelo, promovido por Greenalia nos concellos de Coristanco, Santa Comba e Carballo.

Na antedita Sentenza, o Tribunal Supremo ratifica a súa doutrina previa, emanada na Sentenza casacional relativa ao Parque Eólico Corme, sobre a legalidade da redución dos prazos de información pública á metade e da non posta a disposición da cidadanía dos informes sectoriais no trámite de información pública. Ademais, casa a sentenza do TSXG relativa ao PE Campelo ao considerar que non se acreditou a concorrencia de fragmentación artificial contraria ao previsto na Lei estatal de avaliación ambiental. En concreto, o Alto Tribunal censura a Sala galega por non ponderar axeitadamente a incidencia da fragmentación dos proxectos Campelo, Bustelo e Monte Toural na avaliación ambiental executada, tendo declarado a existencia de fragmentación unicamente en base a que os tres proxectos comparten determinadas infraestruturas.

O Supremo non avala todos os proxectos eólicos autorizados pola Xunta

ADEGA considera que esta doutrina casacional, lonxe de abrir un camiño para a solución do conflito social e xurídico existente actualmente na Galiza en relación coa pretendida implantación masiva de parques eólicos, ratifica que haberá de determinar caso por caso a suficiencia ou insuficiencia das avaliacións ambientais practicadas.

Aos efectos da valorar a concorrencia dunha posible fragmentación artificial de proxectos, o Tribunal indica que “o feito de que dúas ou máis instalacións de parques eólicos compartan instalación de conexión non comporta, ineludiblemente, que debamos considerar a existencia dun único proxecto de parque eólico a efectos da súa avaliación medioambiental”. E engade, “a determinación de se, en tal suposto, debe considerarse ou non a existencia dun único parque eólico a efectos da súa adecuada avaliación ambiental deberá facerse en cada caso atendendo ás circunstancias concorrentes, á luz da normativa e da xurisprudencia aplicables”.

Polo tanto, esta sentenza non avala en absoluto o proceder administrativo da Xunta de Galiza, senón que se limita a ratificar a necesidade de acreditar efectivamente que, como consecuencia da fragmentación material dos proxectos, a avaliación ambiental executada non resultou nin acaída nin suficiente.

Pendentes da resolución da cuestión prexudicial por parte do TXUE

Desde ADEGA facemos fincapé en que por parte da nosa representación procesual e da PDCC solicitouse ante o Tribunal Supremo a suspensión da votación e fallo do recurso, alegando a coincidencia entre algunhas das cuestións de interese casacional sobre as que tería que pronunciarse a Sala coas formuladas pola Sala Terceira do TSXG, como a cuestión prexudicial ante o TXUE. Porén, a Sala do Tribunal Supremo rexeitou dita solicitude en base a que as cuestións de interese casacional presentadas non coinciden coas formuladas prexudicialmente pola Sala galega ante a xustiza da Unión Europea. No obstante, unha vez ditada a Sentenza e rexeitada a mentada pretensión de suspensión, desde ADEGA reiteramos a existencia de coincidencia parcial entre as cuestións obxecto do recurso de casación e as presentadas pola Sala ante o TXUE.

O futuro pronunciamento dese último órgano ao respecto da cuestión prexudicial pode conlevar outro elemento de distorsión e de confusión no panorama eólico de Galiza, singularmente afectado pola inseguridade xurídica derivada da acción errática da Xunta de Galiza, que se materializa en graves perxuizos para o medio ambiente, a cidadanía en xeral, as empresas promotoras dos proxectos eólicos e o erario público.

ADEGA non descarta tampouco impugnar a sentenza do Supremo ante o Tribunal Constitucional pola vía do recurso de amparo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal