Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Por unha Lei de Montes Veciñais ao servizo da...
19-03-2025
Representantes de ADEGA, CIG, FRUGA, Ingateco, Orgaccmm e Sindicato Labrego Galego presentaron hoxe en rolda de prensa na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela a Declaración por unha Lei de Montes Veciñais ao servizo da veciñanza comuneira e das maiorías sociais do noso país. A través dela, demandamos que a lexislación garanta que as comunidades de montes poidan desenvolverse plenamente sen perder as súas características; que respecte o seu funcionamento asembleario e que reclame para Galiza todas as competencias sobre os montes veciñais, incluíndo o seu réxime xurídico, cuestións fiscais e aproveitamentos.
Os montes veciñais en man común ocupan ¼ do territorio galego e ⅓ da superficie catalogada como monte. Conforman unha titularidade singular de Galiza por ser titularidades de carácter xermánico. Son terras inalienábeis, imprescriptíbeis, indivisíbeis e inembargábeis e sen asignación de cotas. A titularidade dos montes veciñais en man común correspóndelle sempre á veciñanza comuneira (persoas que viven no lugar, aldea ou parroquia, onde se asenta o monte veciñal), non entendida como ente administrativo, senón como un grupo social.
A lei de montes veciñais que se aprobe no Parlamento Galego debería reforzar o carácter xermánico de estas terras e recoñecer a titularidade veciñal como unha máis, distinta e en pé de igualdade, coas titularidades públicas e privadas.
Os montes veciñais en man común non son nen titularidades públicas, nin titularidades privadas. Porén, tanto a lexislación galega como a lexislación estatal sitúa estas terras no ámbito da propiedade privada. Cando unha mesma lei se aplica a realidades distintas, cométense irregularidades e inxustizas con algunha delas. E este é o que acontece co monte veciñal. Ás veces aplícaselle o dereito romano e sitúan os montes veciñais como suxeitos pasivos no Imposto sobre Sociedades, como se fosen empresas mercantís, ou permítese a perda da titularidade a favor de terceiros. Outras veces aplícaselle o dereito xermánico e impídese que as comunidades de montes actúen como comunidades enerxéticas locais, ou vender conxuntamente os produtos do monte.
Toda esta inseguridade xurídica dificulta, cando non impide, acadar un monte veciñal multifuncional e a mellora da calidade de vida da veciñanza comuneira.
A lei de montes veciñais que se aprobe no Parlamento Galego debería asegurar que as comunidades de montes, sen perder as súas características, poidan desenvolverse en todos os eidos, no marco xurídico actual.
Organismos internacionais como son a ONU, a FAO e a Unión Europea propoñen que o futuro dos montes pasa por avanzar cara a unha tenencia máis xusta destes territorios, evitando a súa apropiación en poucas mans e dar protagonismo na súa posta en valor aos titulares dos montes. Estas propostas de futuro que defenden estes organismos internacionais lévanse dando en Galiza desde tempos inmemoriais a través da veciñanza comuneira, dado que na xestión das comunidades de montes se conxuga territorio, persoas e gobernanza democrática e popular. E ademais, é necesario que a posta en valor dos montes se faga de xeito multifuncional.
A lei de montes veciñais que se aprobe no Parlamento Galego debería avanzar no funcionamento asembleario e democrático das comunidades de montes e dentro dunha lexislación xeral acaída, con plena capacidade de decisión da veciñanza comuneira en canto a como pór en valor as súas terras comunitarias.
Ademais de multifuncional, a posta en valor dos montes veciñais ten que ser sustentábel. Entendendo por sustentabilidade a acción de acadar unha prosperidade económica sostida no tempo, protexendo os sistemas naturais e prevendo unha calidade de vida para as persoas. A finalidade da sustentabilidade é que exista un desenvolvemento económico e social respectuoso co medio ambiente. Os montes veciñais, por ser titularidades de carácter xermánico, son terras abertas, e as funcións sociais, medioambientais e culturais que cumpren benefician a toda a sociedade e deben ser gozadas por esta, de xeito universal.
A lei de montes veciñais que se aprobe no Parlamento Galego debería tamén considerar os montes veciñais como figuras de protección medioambiental e cultural en si mesmos. E ademais, recoller que dos prexuízos que puidesen acontecer neste uso universal das funcións sociais, medioambientais e culturais, non poden recaer responsabilidades civís e penais para as comunidades de montes.
Os montes veciñais, como titularidades comunitarias que son, no Estado Español so existen en Galiza, con raras excepcións en zonas limítrofes. Maila esta situación, Galiza non ten competencias exclusivas sobor os montes veciñais. Tenas sobor os seus aproveitamentos, mais mesmo de xeito limitado, xa que están suxeitos a lei de montes do Estado por ser esta unha lei marco.
A lei de montes veciñais que se aprobe no Parlamento Galego debería reclamar as competencias plenas sobre os montes veciñais, desde o seu réxime xurídico até as cuestións fiscais, pasando por todos os aproveitamentos que se dan no subsolo, no solo e no voo dos montes veciñais en man común, que deben ser considerados como recursos dos montes veciñais.
Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
Confederación Intersindical Galega (CIG)
Federación Rural Galega (FRUGA)
Instituto Galego das Terras Comunitarias (Ingateco)
Organización Galega de Comunidades de Montes (Orgaccmm)
Sindicato Labrego Galego (SLG)
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal