Inicio / Novas / Educación ambiental / ADEGA e Viaqua colaboran para concienciar o...
18-03-2025
Ás portas do Día Mundial da Auga o próximo sábado 22 de marzo, a organización ecoloxista ADEGA e a empresa Viaqua dan comezo a unha nova colaboración que ten por obxectivo impulsar a educación ambiental sobre o ciclo integral da auga en centros escolares de toda Galiza. A través de Aqualoxía, o programa educativo de Viaqua, búscase concienciar o alumnado de 3º de primaria na importancia da auga, a súa sustentabilidade e a importancia de coidar das contornas naturais.
A primeira das actividades desenvolveuse hoxe, martes 18 de marzo, no CEIP Plurilingüe Mestre Xixirei, en Santiago de Compostela. A través de experimentos prácticos, retos e xogos, os diferentes personaxes de Aqualoxía interactuaron coa cativada para descubrirlles o funcionamento do ciclo integral da auga e os retos que enfronta o persoal de Viaqua na xestión das estacións de tratamento que garanten unha auga limpa e segura.
Desde ADEGA sinalaron a importancia desta colaboración, que busca prolongarse no tempo para seguir fomentando hábitos de consumo responsable da auga entre a rapazada galega. Itziar Díaz, a responsable do proxecto en ADEGA, puxo en valor a educación ambiental como "unha ferramenta imprescindible" para que a cidadanía teña a información e os recursos necesarios para preservar o medio ambiente de maneira correcta. "A través deste programa, daremos a coñecer á cativada os mellores hábitos que debemos adoptar na nosa vida cotiá para manter en bo estado un recurso tan importante".
Pola súa banda, o director executivo de Viaqua, Nicolás Esmorís, destacou que “o futuro da auga tamén depende da educación das xeracións máis novas. Por iso, para Viaqua é unha satisfacción contar con ADEGA para levar o programa Aqualoxía a centros escolares de toda Galicia. Queremos achegarlles aos nenos e nenas a importancia do ciclo integral da auga dun xeito práctico e divertido, para que comprendan a relevancia de coidar este recurso esencial e o medio que nos rodea"
Grazas ao novo convenio de colaboración asinado entre ambas entidades, a equipa de educación ambiental de ADEGA será a encargada de impartir un total de 86 actividades cun enfoque didáctico, dixital e interactivo. O programa inclúe xogos, experimentos e retos adaptados ao currículo escolar para ensinar como chega a auga ás nosas casas, os tratamentos que se realizan para potabilizala e os procesos necesarios para devolvela ao medio natural sen causar dano ambiental. Ademais, no marco deste proxecto tamén se aborda a importancia da auga, a sustentabilidade e o cambio climático.
O programa Aqualoxía está aberto á participación de centros educativos dos concellos nos que Viaqua é a concesionaria do servizo de auga. As actividades son totalmente gratuítas e os centros interesados aínda están a tempo de inscribirse a través do correo electrónico itziar@adega.gal ou no número 722 230 663. Grazas a Aqualoxía, milleiros de escolares de toda Galiza recibiron ata o de agora formación sobre a relevancia da auga e a necesidade de coidar este recurso vital. Precisamente neste ano, Viaqua celebra o décimo aniversario deste programa educativo.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal