ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O Tribunal Supremo inadmite o recurso da Xunta...

17-03-2025

O Tribunal Supremo inadmite o recurso da Xunta contra as paralizacións dos eólicos de Rodeira, Pico Seco e Troitomil

O pasado 12 de marzo, a Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Supremo inadmitiu varios recursos de casación presentados pola Xunta de Galicia e as promotoras eólicas interesadas contra as paralizacións cautelares dos proxectos eólicos Troitomil, Pico Seco e Rodeira, que foron outorgadas polo TSXG a instancias da solicitude de ADEGA. 

Esta resolución do TS, que é firme, respalda e consolida as medidas de suspensión cautelar adoptadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, impedindo o inicio da obras dos polígonos eólicos mencionados ata que non medie unha sentenza xudicial que resolva os recursos contencioso-administrativos interpostos por ADEGA na que se avalíe a legalidade dos proxectos.

Ao tempo, os fallos xudiciais dos recursos interpostos contra as autorizacións administrativa previa e de construción destes tres proxectos eólicos terán que agardar tamén a que o Tribunal Europeo se pronuncie sobre a cuestión prexudicial elevada polo TSXG sobre o dereito de acceso público aos informes sectoriais antes de que se autorizasen os parques.

O varapau que non agardaba a Xunta

O Supremo conclúe que a Xunta de Galicia e as empresas promotoras recorrentes non achegan suficiente fundamentación xurídica pola que se aprecien razóns que fagan contradicir as medidas cautelares establecidas polo TSXG, nin consideralas “dañinas para os intereses xerais". Nos tres casos, nega a existencia de interese casacional e avala a decisión do TSXG e a concorrencia do “periculum in mora” para a adopción de medidas cautelares.

Esta nova constitúe un novo varapau para o Executivo de Alfonso Rueda, o cal aspiraba a desbloquear a súa fallida e nefasta política eólica no Tribunal Supremo, logo de acusar reiterada e publicamente ao TSXG de falta de independencia e xerar inseguridade xurídica no sector. A inadmisión do TS dos recursos de casación contra a paralización cautelar dos proxectos eólicos Rodeira, Troitomil e Pico Seco contradí as teses da Xunta relativas á falta de imparcialidade do TSXG e, ao mesmo tempo, afianza a validez das probas achegadas por ADEGA en relación á existencia de potenciais danos irreversíbeis ou irreparábeis para o medio ambiente en caso de que estes proxectos se leven a cabo.

Conforme ao artigo 90.8 da LXCA, o Alto Tribunal acorda tamén impoñer costas procesais ás recorrentes de 500 euros cada unha. Porén, a pleitesía da Xunta coas eólicas pódenos saír moito máis cara ás galegas e galegos, se os tribunais anulan finalmente as autorizacións administrativas destes parques e as empresas reclaman danos e prexuízos á Xunta.

Rodeira, Pico Seco e Troitomil: alto impacto ambiental e sobre as augas de beber

O proxecto eólico Rodeira está promovido por Green Capital Power S.L. nos concellos de Vila de Cruces e Lalín, e nunha zona de máxima sensibilidade ambiental moi próxima a diversos núcleos de poboación. Afectaría a especies vulnerábeis (Circus pygargus, Circus cyaneus, Rhinolophus ferrumequinum, Myotis myotis) e en perigo de extinción (Milvus milvus) e influiría de forma moi negativa na zona de Rede Natura 2000 "Sistema Fluvial Ulla" e na contorna do BIC Mosteiro de Carboeiro. Rodeira, xunto cos parques eólicos Cunca e Mesada, é parte da fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de esquivar unha rigorosa avaliación ambiental. 

O proxecto eólico Pico Seco está promovido por Aerogeneración Galicia S.L. e prevese colocar nos concellos de Lalín e O Irixo, entre vasrios espazos naturais protexidos de Rede Natura. A súa localización afectaría a áreas de especial interese paisaxístico e racharía a conectividade ecolóxica entre a Serra do Candán, Pena Veidosa e a Serra do Cando, facendo practicamente imposíbel a circulación da avifauna nesa área. Suporía unha afección severa nos recursos hídricos dos que se abastece a poboación local. Para ADEGA, este proxecto tamén sería produto da fragmentación irregular dun macroproxecto eólico compartido co polígono eólico de Valdepereira, da mesma promotora.

O polígono eólico Troitomil prevese instalar nos concellos de A Baña e Negreira e está promovido por Green Capital Power S.L., como no caso do P.E. Rodeira. Na área afectada existe unha turbeira que é hábitat natural de interese prioritario para Unión Europea e sumidoiro excepcional de gases de efecto invernadoiro. Tería unha influencia especialmente negativa nas fontes e manancias dos que se abastece a poboación local, unha afección que non foi avaliada no estudo de impacto ambiental. Xunto cos P.E. Vilartoxo e P.E. Barrosino, este proxecto forma parte dun macrocomplexo eólico de moitísima máis potencia, fragmentado artificiosamente, para esquivar unha adecuada e rigorosa avaliación ambiental dos impactos en conxunto.

Para ADEGA, a decisión do TS constitúe un bo precedente para consolidar a paralización cautelar doutros proxectos eólicos que están relacionados con Rodeiro, Pico Seco e Troitomil, e en xeral, para todas as paralizacións cautelares ata entón conqueridas no TSXG.

Ligazóns

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal