ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-A Coruña e UDC organizan unha palestra...

12-03-2025

ADEGA-A Coruña e UDC organizan unha palestra sobre residuos, incineración e saúde este xoves

A asociación ecoloxista ADEGA, en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), organiza a conferencia “Residuos, Incineración e Saúde”, impartida por Fernando Palacios, investigador do Departamento de Biodiversidade e Bioloxía Evolutiva do CSIC. O acto terá lugar mañá xoves no Centro Universitario de Riazor (CUR) e contará coa participación de Xandro García, coordinador de ADEGA-A Coruña, e Manuel Soto, profesor da UDC, na presentación. 

A conferencia abordará os efectos nocivos da incineración de residuos para a saúde, un tema de especial relevancia para a comarca da Coruña, que arrastra unha grave crise na xestión do lixo. Esta situación manifestouse recentemente nas folgas de recollida do pasado verán e na falta de avances nos plans municipais e comarcais de reciclaxe e compostaxe. A incapacidade da administración local para renovar as instalacións de Nostián e avanzar cara a sistemas de recollida separada máis eficientes agrava o problema e impide alcanzar os obxectivos legais de xestión ecolóxica de residuos. 

incineradora de SOGAMA en Cerceda, situada preto da comarca da Coruña, constitúe un foco de contaminación que afecta a toda a área, especialmente á calidade da auga de Cecebre, á que chegan augas procedentes desta zona. Ademais, o Concello da Coruña está a valorar como alternativa para os residuos non reciclados en Nostián a posibilidade de envialos a SOGAMA ou instalar unha incineradora de cola, o que agravaría o problema de contaminación e dificultaría futuros avances na xestión ecolóxica do lixo.

Disputa entre a Xunta e o Concello

Mentres a cidadanía da Coruña e do Consorcio das Mariñas sofre as consecuencias desta mala xestión, a Xunta de Galiza abriu un expediente sancionador ao Concello da Coruña por incumprir a normativa vixente. Porén, ADEGA quere destacar os seguintes puntos: 

  • Multas da UE e fracaso de SOGAMA: As multas da Unión Europea ao Estado español derivan do incumprimento dos obxectivos de reciclaxe do 50% para 2020. Galiza ocupou os últimos postos en reciclaxe, cun 20% fronte ao 50% requirido. Mentres os plans comarcais do Barbanza e Nostián cumpriron ou estiveron preto de cumprir ese obxectivo, SOGAMA non alcanzou nin o 20%. Nostián triplicou as cifras de reciclaxe de SOGAMA entre 2015 e 2022. 
  • O quinto contedor: A Xunta sanciona ao Concello da Coruña por non instalar o quinto contedor para a recollida separada de envases. Porén, a lei de 2022 permite outras alternativas con mellores resultados ambientais e económicos, como é o caso de Nostián, que supera amplamente o modelo de SOGAMA.
  • Sistema de Depósito, Devolución e Retorno (SDDR): A lei 7/2022 obriga a implantar un SDDR para envases de plástico, metálicos e mixtos no prazo de dous anos, o que debería substituír o quinto contedor. En 2023, a recollida de envases de plástico para bebidas mediante este contedor foi do 41,3%, moi lonxe do 70% requirido.

Demandas de ADEGA

ADEGA denuncia que a Xunta de Galiza cuestione o sistema de Nostián, unha planta comarcal independente de SOGAMA, en vez de facer fronte á insostibilidade do modelo SOGAMA, que en 2023 destinou o 93% dos residuos recibidos a incineración e vertedoiro, reciclando só o 7%. Nostián, pola súa banda, alcanzou o 50% de reciclaxe en 2022. 

ADEGA reclama que a Xunta asuma a súa responsabilidade no atraso da xestión de residuos en Galiza e priorice solucións sostibles e eficientes, en lugar de sancionar iniciativas como a de Nostián, que demostran ser unha alternativa viable e ecolóxica. 

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal