ADEGA

Inicio / Novas / Todas / O TSXG tomba cautelarmente o proxecto eólico...

10-03-2025

O TSXG tomba cautelarmente o proxecto eólico Paraño Oeste polos seus riscos ambientais

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza paraliza cautelarmente o polígono eólico Paraño Oeste a petición da organización ecoloxista ADEGA. Este parque está proxectado por Eólica Galenova, S.L.U. en Forcarei e Beariz, na comarca de Terra de Montes. Constaría dun total de 14 aeroxeradores de 180 metros de altura que se situarían nunha zona fundamental da Dorsal Galega como corredor ecolóxico entre a Serra do Suído e os espazos da Rede Natura ZEC Serra do Cando e ZEC Serra do Candán. Perimétrano, ademais, tres Áreas de Especial Interese Paisaxístico. 

Esta determinación do tribunal galego supón que, malia a contar o proxecto coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos pola demandante. Desta maneira, a efectividade das autorizacións queda suspendida temporalmente.

Riscos "evidentes" sobre o ambiente

O alto tribunal galego xustifica a súa decisión de paralizar cautelarmente o proxecto baseándose, en gran medida, nos argumentos presentados por ADEGA para solicitar esta medida, que se fundamentan en catro grandes bloques: a cualificación da área afectada como de "exclusión eólica" no Mapa de Zonificación Ambiental elaborado polo Ministerio de Transición Ecolóxica -indicio suficiente para o TSXG de que existen valores ambientais "significativos"-; a proximidade a espazos protexidos de Rede Natura e áreas de especial interese paisaxístico; a afectación a augas protexidas e potables e os seus riscos hidrolóxicos; e a afectación a un hábitat de interese comunitario no que habitan especies ameazadas, vulnerables ou en perigo de extinción. 

En concreto, este proxecto eólico provocaría unha grave afección nas poboacións de aves, morcegos e insectos. Especies como a tartaraña cincenta, a gatafornela ou a aguia real, esta última en perigo de extinción, están presentes dentro da poligonal. ADEGA tamén argumentou os impactos directos sobre varios núcleos de poboación que quedarían moi próximos a aeroxeradores e liñas de alta tensión. As obras comprenderían a apertura de pistas de gran anchura e de gabias para o soterramento dos cables de evacuación da electricidade; e a construción de zapatas a gran profundidade no subsolo.

Examinados estes elementos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza considera "evidente" o risco de dano "irreparable ou de difícil reparación" sobre elementos ambientais "altamente sensibles", derivado da execución das obras. Por este motivo, o tribunal galego fai valer o principio de prevención e precaución do dereito comunitario e paraliza cautelarmente o proxecto.

Salvagardar o interese ecolóxico

Ademais, o alto tribunal recolle no seu auto unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo Tribunal Constitucional, que asegura que en materia de suspensión cautelar, a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente fronte a argumentacións económicas ou de desenvolvemento sostible, que teñen que ver co fondo do asunto.

Un gran logro colectivo

Máis unha vez, a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos está detrás deste logro xudicial. ADEGA agradece toda a solidariedade recibida por parte da veciñanza, da Plataforma Alarma Terra de Montes, Plataforma SOS Suído Seixo Mina Alberta NON, comunidades de montes en man común Correa e Framia, colectivo A de Rousmeri e Encontro Burla Verde polo seu apoio á campaña de doazóns.

Todas as achegas reunidas, un total de 7.400 euros, permitiron sufragar os gastos dos recursos contencioso-administrativos interpostos no TSXG contra este proxecto eólico, así como tamén conquerir a súa paralización cautelar. A campaña #TiPodesParalos permitiu ata o momento recorrer no TSXG máis dunha trintena de proxectos eólicos, dos cales ADEGA acadou o freo cautelar para máis dunha vintena.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal