ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / O TSXG paraliza cautelarmente un proxecto eólico...

19-02-2025

O TSXG paraliza cautelarmente un proxecto eólico que ameaza as bestas de Sabucedo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acolle a petición conxunta da asociación ecoloxista ADEGA, a Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, a Asociación Alarma Terra de Montes e a comunidade dos montes veciñais de Quireza e paraliza cautelarmente o polígono eólico Campo das Rosas, proxectado por Naturgy en Cerdedo, A Estrada e Campo Lameiro. Parte das súas infraestruturas localizaríanse no traxecto da "baixa" das bestas a Sabucedo, e todas elas estenderíanse polo territorio que habitan desde tempo inmemorial estes cabalos salvaxes. Esta determinación do tribunal galego supón que, malia a contar o proxecto coa autorización administrativa e de construción da Xunta de Galiza, as obras non se poderán iniciar ata que non se ditamine sentenza sobre os recursos contencioso-administrativos interpostos pola demandantes. Desta maneira, a efectividade das autorizacións queda suspendida temporalmente. 

O alto tribunal galego sostén a súa paralización cautelar en boa parte dos argumentos esgrimidos por ADEGA e as demais codemandantes para solicitar o freo cautelar do proxecto. No auto xudicial recóllese que a actividade que pretende despregar a promotora "ocasionará unha afectación ecosistémica" derivada dunha "inxente serie de obras que indicen directamente no espazo natural": movemento de terras e implantación das infraestruturas eólicas. En concreto, este proxecto contempla non só a instalación de aeroxeradores -un total de 6-, senón tamén de dúas liñas subterráneas e outras tantas aéreas, dúas estacións anemométricas, un centro de seccionamento e unha subestación elevadora. 

En segundo lugar, o TSXG alude aos tres informes técnicos achegados por ADEGA que denotan un "impacto irreversible" sobre os valores ambientais. Particularmente, sobre especies de flora e fauna, algunhas delas en perigo de extinción ou vulnerables; sobre turbeiras e sobre elementos do patrimonio etnográfico e cultural, como a Rapa das Bestas de Sabucedo, sobre a que existe un expediente incoado para a súa declaración como Ben de Interese Cultural. 

Por todo isto, o tribunal galego, que tamén considera a multitude de proxectos autorizados ou en tramitación na mesma área xeográfica, fai valer o principio de prevención e precaución do dereito comunitario e paraliza cautelarmente o proxecto.

Unha ameaza para a Rapa das Bestas e a arte rupestre

En concreto, o proxecto eólico Campo das Rosas situaríase no percorrido da Rapa das Bestas e no hábitat destes cabalos salvaxes. Poría en perigo ecosistemas naturais sensibles, como os queirogais atlánticos, turbeiras e brañas onde vive o licopodio dos lamazais, especie en perigo de extinción; así como carballeiras onde habita o caracol de Quimper, tamén en perigo de extinción. A tartaraña cincenta e o morcego bigotudo tamén se verían ameazadas. O monte Montouto, onde se instalaría o proxecto, é un corredor ecolóxico próximo a espazos naturais protexidos da Rede Natura 2000. 

No ámbito cultural, as infraestruturas proxectadas alterarían, alén do xa citado, unha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre de Europa. Ademais, o impacto visual dos aeroxeradores danaría, entre outras, a paisaxe do Pazo de Monteagudo e da instalación escultórica de Ulrich Rückriem.

A veciñanza tamén se vería gravemente prexudicada, con aeroxeradores a menos de 700 metros das vivendas e danos aos mananciais que abastecen as aldeas próximas.

Prevalencia do interese ambiental

O TSXG recolle no seu auto unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo Tribunal Constitucional, que asegura que en materia de suspensión cautelar, a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente fronte a argumentacións económicas ou de desenvolvemento sostible, que teñen que ver co fondo do asunto.

Solidariedade do pobo para facer xustiza

Máis unha vez, a campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos está detrás deste logro xudicial. ADEGA agradece toda a solidariedade recibida por parte da veciñanza, das comunidades veciñais de montes comprometidas coa causa, da asociación Rapa das Bestas e da plataforma Alarma Terra de Montes, que apoiaron firmemente a campaña de doazóns e que permitiron, pois, sufragar os gastos dos recursos contencioso-administrativos interpostos no TSXG contra este proxecto eólico, así como tamén conquerir a súa paralización cautelar.

A campaña #TiPodesParalos permitiu ata o momento recorrer no TSXG máis dunha trintena de proxectos eólicos, dos cales ADEGA acadou o freo cautelar para máis dunha vintena.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal