ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo denuncia a tramitación exprés sen...

18-02-2025

ADEGA-Lugo denuncia a tramitación exprés sen garantías sociais e ambientais dunha granxa de porcos en Friol

ADEGA vén de recibir nun tempo récord a resolución de incidencia ambiental do proxecto dunha granxa porcina de 1.890 animais, que se pretende instalar na parroquia de Vilalvite en Friol. Dende ADEGA entendemos que a tramitación ambiental realizada non ofrece ningún tipo de garantía nin ambiental nin social. Resolveuse en tan só unha semana dende o remate do prazo de información pública e non tivo en conta as alegacións presentadas pola asociación ecoloxista. Ademais, determinouse sen contar con varios informes sectoriais e sen garantir a participación pública. A resolución expres vai acorde co comezo dos traballos tanto na parcela coma nos accesos que presuntamente se realizaron de maneira ilegal, e que ADEGA ten denunciado perante as diferentes administracións competentes.

Unha tramitación fraudulenta

Nas alegacións presentadas por ADEGA incidimos en que o proxecto debe tramitarse pola Lei 21/2013, de 9 de decembro, de avaliación ambiental, por ser unha das actividades contempladas no Anexo II, e non pola Lei 9/2013 e 19 de Decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia (DOG de 27/12/2013). Esta última establece que para granxas de porcos de cebo entre 50 e 2.000 animais é suficiente presentar unha memoria, sen a exhaustividade que require a lei de avaliación ambiental. Desta maneira, redúcense os prazos de información pública ao asumir como favorábeis os informes sectoriais que non se recibisen en prazo.

Entendemos que a documentación sometida ao informe de incidencia ambiental é insuficiente, non se inclúe o proxecto técnico, nin o sistema integral de xestión, necesarios para que toda persoa interesada poida participar de forma eficaz no procedemento de avaliación ambiental. Ademais, emitiuse o informe de incidencia ambiental do proxecto sen o informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, o informe de Sanidade en relación cos impactos sobre a saúde das emisións atmosféricas e a contaminación da auga, ou o informe de Medio Ambiente en relación coa xestión dos residuos e os impactos sobre o patrimonio natural (incluído o solo).

Na memoria ambiental sometida a información pública, nada hai respecto dos impactos sobre o solo, un estudo máis ca necesario tendo en conta que se trata dun solo que durante moitos anos experimentou unha evolución natural que deu lugar a un bosque propio de solos húmidos, cargado de albedos, de importantes masas de musgos de suma importancia para a retención de auga, e de ecosistemas e microhábitats de gran variedade de invertebrados e microinvertebrados.

No caso deste proxecto, a falta de respecto polo solo maniféstase non só en que a memoria ambiental non estudara nin avaliara os seus impactos, senón tamén en que, sen autorización de ningún tipo, se procedera á corta e á escavación da parcela na que se pretenden asentar as naves para porcos e as balsas de xurro. De todas formas, no que queda aínda por escavar na parcela, polo que se pode ver nas parcelas veciñas e nas ortofotos do voo americano, non hai dúbida de que se trata dunha zona húmida con zonas encharcadas das que partían pequenos regos de auga que non aparecen cartografiados nos mapas do exército do ano 1950.

De acordo coa memoria ambiental, a explotación, unha vez en funcionamento,vai dar lugar a emisións de metano, de óxidos de nitróxeno, amoníaco, e partículas e micropartículas, ademais de distintos gases que provocarían desagradábeis cheiros, como o sulfuro de hidróxeno, distintos mercaptanos e tiofenoles, procedentes do xurro e do manexo dos porcos nas naves. Todos estes gases van emitirse directamente ao aire exterior, polo que as partículas e cheiros van ser esparexidos sen ter en conta as molestias que terá que soportar toda a poboación da contorna próxima e menos próxima. A poboación afectada dentro do radio de 1 km, medido dende o borde da parcela, é dun total de 145 persoas, 114 no concello de Friol e 31 persoas no concello de Lugo.

A promotora xa comezou os traballos sen autorización

Ademais dunha tramitación exprés e sen garantías de ningún tipo, dende ADEGA denunciamos que xa se teñen levado a cabo traballos na parcela e parcelas estremeiras, sen contar con autorización. En concreto, tivo lugar a corta a feito do bosque de albelos en máis de 1hA de superficie, a excavación para a retirada total da súa cuberta de solo, e traballos mineiros realizados na parcela do monte comunal estremeira. Estes últimos labores tiveron como obxectivo a obtención de pedra xabre, utilizada para acondicionar a parte do camiño de propiedade municipal que vai dende o chamado camiño real ata a entrada da referida parcela.

Unha vez retirada a pedra xabre, o oco resultante foi enchido coa terra procedente da cuberta de solo, extraída do camiño, da súa ampliación e da propia zona escavada. Coa auga que xorde da propia escavación e coa de escorrentía, vén conformar unha gran balsa de lama de grave perigo para animais e persoas que, ao descoñecer o terreo, poden quedar atrapadas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal