ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA reclama da Xunta o arquivo da solicitude de...

13-02-2025

ADEGA reclama da Xunta o arquivo da solicitude de augas de ALTRI por vencer o prazo legal para resolver

• Tras máis de 18 meses sen resolver a concesión, a lei obriga a considerar desestimada a solicitude.

• ADEGA puido constatar que o expediente da concesión non se actualizou dende setembro de 2024 e que faltan informes preceitivos.

• A filtración da Xunta dando por feita a autorización de Augas non se corresponde coa realidade do procedemento.

O artigo 116.5 do Regulamento do Dominio Público Hidráulico (RDPH) establece un prazo máximo de 18 meses para que a administración competente, neste caso Augas de Galiza, resolva un expediente de concesión de augas. A empresa Altri (agora Greenfiber) presentou a súa solicitude (inicio do trámite de competencia) en novembro de 2022, publicándose no BOP da Coruña o 30 de novembro dese ano e no BOPPO de Pontevedra o 5 de xaneiro de 2023. De non mediar suspensión do procedemento, e no expediente non consta ningunha de oficio ou de parte, os 18 meses concluiron en xullo ou setembro de 2024. Dado que a día de hoxe o organismo substantivo encarregado de tramitar a concesión (Augas de Galiza, demarcación Centro) aínda non resolveu sobre dita solicitude, esta debería portanto entenderse desestimada.

A este respeito, ADEGA vén de solicitar a Augas de Galiza que comunique á peticionaria e ás partes interesadas a desestimación da solicitude de concesión de augas superficiais do río Ulla no encoro de Portodemouros con destino a uso industrial, e arquive o expediente. Nese caso, Altri-Greenfiber estaría obrigada reiniciar o procedemento de concesión dende o mesmo trámite de competencia, como establece o art. 104 do RDPH.

A realidade do procedemento e a estratexia de confusión da Xunta

ADEGA figura como parte interesada nese expediente dende o seu inicio, ao concorrer no trámite de competencia para reclamar que o volume de auga solicitado por Altri (46.000 m3/día) fora destinado a usos ambientais e públicos. No decurso do procedemento, solicitamos periodicamente acceso ao expediente administrativo que xestiona o Servizo Territorial de Augas para a zona hidrográfica de Galiza-Centro. Nunha consulta en setembro de 2024, co prazo de resolución próximo a vencer, puidemos comprobar que no expediente faltaban aínda por emitir informes preceitivos para poder autorizar a concesión e que no procedemento non se rexistraron suspensións. E nesta mesma semana de febreiro puidemos verificar que aínda non se tiñan incorporado ditos informes e que o expediente ficaba igual que fai case 4 meses.

Á vista desta circunstancia, resulta chamativo que dende a Xunta se filtrara un documento con apariencia de oficial no que se daba por feito a autorización de Augas á solicitude de Altri. O contido desa filtración interesada, que recolle fundamentalmente valoracións da empresa, non se corresponde coa realidade e contribúe a sementar a confusión entre a cidadanía e condicionar o labor do persoal técnico da Xunta. Todo o contrario da obxectividade, transparencia e servizo público que debe guiar o proceder dunha administración.

Descargas

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal