ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA alerta do grave impacto global do regreso...

20-01-2025

ADEGA alerta do grave impacto global do regreso de Trump en materia ambiental e de dereitos humanos

Donald Trump será investido presidente dos Estados Unidos hoxe luns, 20 de xaneiro de 2025. Trump gañou un histórico segundo mandato como presidente dos EUA, e iso terá un profundo impacto na axenda nacional e internacional sobre cambio climático. Declarado abertamente como negacionista do cambio climático, prevese de novo a retirada dos EUA do Acordo de París, como xa fixo no mandato de 2016.

A organización ecoloxista ADEGA denuncia que retirar unha das superpotencias mundiais das negociacións dos Cumios mundiais do Clima (COP) para reducir as emisións globais é un grave problema, xa que permitirá a outros países ralentizar a súa propia descarbonización e escusar a súa falta de ambición na ausencia dos EUA. Esta situación tamén pode provocar efecto dominó de saída do Acordo de gobernantes afíns, como Milei en Arxentina, Noboa en Ecuador, Bukele en El Salvador. Ademais, terá efectos económicos, posto que se reducirá o financiamento do Fondo Mundial para o Medio Ambiente.

Deste xeito o obxectivo do Acordo de París de limitar o quecemento global a 1,5 ºC por enriba dos niveis preindustriais fica máis lonxe, e cómpre saber que a día de hoxe a ONU xa ten suxeridos os 3,1ºC para finais de século. No relativo á preocupación global pola saída dos EUA do Acordo de París, tamén cómpre ter en conta que Estados Unidos nunca estivo implicado nos COP, independentemente do partido gobernante. Os países do mundo non van aos COP agardando que os EUA impulsen máis ambición na loita contra o cambio climático. Cando Trump abandonou o Acordo de París en 2016, este seguiuse mantendo. Se a saída dos EUA do Acordo de París ten lugar, logo terán que tomar as rendas outros países, pois por moito que Trump negue o cambio climático, a ciencia e as súas evidencias non se deteñen.

Trump inclúe na súa equipa de goberno perfís como R.F Kennedy Jr., declarado antivacinas, para ocupar a Secretaría de Saúde e Servizos humanos, ou a C. Wright, director dunha empresa petroleira que practica o fracking, para ocupar a Secretaría de Enerxía. Nas carteiras con relación ambiental, algunha das xoias da equipa de Trump é Lee Zeldin, un excongresista que votou en contra do proxecto de lei sobre o clima de Biden, para ser o Director da EPA (Axencia de Protección Ambiental). Outra fichaxe é a de Elon Musk, dono de X e de Tesla (coches eléctricos, paneis solares), que ten sido notificada varias veces pola EPA por incumprir a normativa ambiental. Encargarase no goberno de Trump de dirixir o Departamento de Eficiencia Gubernamental.

O impulso da transición enerxética, coa promoción enerxías "limpas" e a mobilidade eléctrica, supón tamén impactos no territorio derivados da extracción de minerais escasos (litio e terras raras) para baterías e circuitos integrados. A cuestión a ter en conta será a facilitación da explotación destes recursos estratéxicos, que impactará directamente en países como Bolivia e Chile, entre outros. Logo das notificacións da EPA a Tesla, parece claro que tendo ao seu Director no goberno, os impactos irán a máis.

ADEGA tamén abandona X

Por todos estes motivos, coa entrada da administración Trump da que fai parte Elon Musk, este 20 de xaneiro ADEGA únese aos centos de organizacións da sociedade civil e persoas a título individual que abandonamos en masa a rede social X, antes Twitter. ADEGA dá de baixa o seu perfil na rede pola súa deriva reaccionaria que privilexia as mensaxes negacionistas do cambio climático, machistas, racistas e lgbtfóbicas e por se converter nun perigo para a democracia. Desde o noso colectivo animamos a outras organizacións e persoas usuarias de X a que tamén se unan a este movemento de "éxodo" de X como sinal de protesta, e pola veracidade da información e a democracia real.

Trump atenta contra os dereitos humanos

Hoxe, unha vez formado o seu novo equipo, Trump tentará cumprir as súas promesas de campaña. Non nos representa, que quede ben claro que o mandato entrante dos EUA non representa o ecoloxismo galego que ADEGA defende, que o considera perigoso a nivel mundial en todos os eixos da sustentabilidade ambiental. Alén do tema ambiental que nos atinxe, mais tendo en conta a interconexión das sensibilidades sociais, anunciou políticas centradas na loita contra a inmigración ilegal mediante a posta en marcha do "maior plan de deportación da historia dos Estados Unidos", así como a aplicación de rebaixas fiscais para, segundo el, recuperar a economía destruída nos catro anos de Biden-Harris.

Trump tamén mencionou en múltiples ocasións que concederá indultos ás persoas manifestantes do ataque do 6 de xaneiro ao Capitolio. No ámbito internacional, Trump describiuse a si mesmo como o "único capaz de resolver as guerras en Gaza e Ucraína nun día". Ninguén sabe exactamente como actuará, pero el mesmo fala da súa boa relación con Netanyahu, o cal parece indicativo de que a súa resistencia aos plans militares israelís serían mínimos. Sábese por que Biden só 15 días antes da investidura de Trump anunciou unha venda de armas a Israel por valor de 8.000 millóns de dólares? Máis evidencias polas que os EUA non nos representan. Trump e Musk xa teñen o seu plan Marte sen importarlles o que quede no planeta Terra.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal