Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Eólica Así Non! convoca unha mobilización...
16-01-2025
A Coordinadora Eólica Así Non! anuncia a convocatoria dunha mobilización descentralizada o domingo, día 26 de xaneiro, coincidindo co Día Mundial da Enerxía Limpa, para denunciar o modelo de espolio enerxético que promove a Xunta de Galiza.
Un modelo que Eólica Así Non! afirma que non ten en conta os intereses da poboación, que ten como principal obxectivo beneficiar o capital e que tampouco ofrece garantías de preservación medioambiental, tal e como están a demostrar todas as paralizacións cautelares que resolve o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.
A Coordinadora denuncia, ademais, as últimas reformas legais da Xunta de Galiza, que teñen como obxectivo dificultar que a poboación se poida defender diante destes proxectos agresivos e depredadores do territorio, destinando recursos públicos para exercer “violencia institucional” contra as comunidades veciñais afectadas. Comunidades que sofren un continuo acoso administrativo a través da sobresaturación de proxectos, da desregulamentación e da xeración de inseguridade xurídica, difamando e criminalizando a protesta social.
Eólica Así Non! aposta por unha nova planificación eólica real, que ordene a explotación desta enerxía no territorio, con obxectivos sociais e ambientais, que faga partícipe ao pobo galego e non se desenvolva en función dos intereses das grandes multinacionais enerxéticas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal