ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA alerta sobre as plantas de biometano que se...

10-01-2025

ADEGA alerta sobre as plantas de biometano que se están a promover no agro galego

O xurro: negocio para as empresas enerxéticas ou un recurso valioso para as explotacións gandeiras?


O pasado 16 de decembro tivo lugar na Casa de Cultura de Antas de Ulla a presentación dun pre-proxecto de planta de biometanización a cargo de ENERCO GROUP.  Nas últimas semanas, coa escusa de resolver os problemas de contaminación dos xurros das explotacións gandeiras, están a aparecer outros proxectos similares nas principais zonas gandeiras como o Deza, a Ulloa, a Terra Chá ou Xinzo de Limia. Dende a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) queremos trasladar á Xunta de Galiza e ao sector agrogandeiro as seguintes consideracións:

1. O xurro NON É UN RESIDUO. Na composición do xurro non hai ningún problema nin para a terra nin para as augas: será, en todo caso, da aplicación inadecuada dos xurros de onde poden derivar os problemas de contaminación por nitritos e os riscos de eutrofización das augas. 

 2. O xurro é un fertilizante extraído da terra por intervención do gando e que, polo tanto, nese esquema de economía circular da que tanto se fala, deberá de ser devolto á terra para así poder conservar as propiedades agronómicas do solo. Só os excedentes de xurro poderán ser considerados residuos.

3. Para a xestión dos excedentes só se precisa terra a disposición da explotación gandeira. Isto é o que sempre se fixo no agro galego e isto é precisamente o que dispón a Lei 6/2021, de residuos e solos contaminados de Galicia, que establece que antes da valorización enerxética que propoñen estes proxectos (e que os promotores queren vender como reciclaxe) hai que considerar a prevención, a redución, a reutilización e a reciclaxe na mesma explotación. Isto implica apostar por un modelo de gandaría extensiva deseñando o tamaño da explotación (en número de cabezas) en función da terra dispoñíbel para un uso sustentábel do xurro, ou regulando unha modalidade de xestión combinada de xurros e solo agrario que poña a disposición das explotacións gandeiras o solo necesario a tal fin.

4. O modelo de plantas de produción de biogás ou de biometano que se lles están a propoñer ás explotacións gandeiras: 

-Non resolve ningún dos problemas de contaminación do solo e da auga que poden resultar dos excedentes de xurro, pois na dixestión anaerobia non se elimina o nitróxeno nin fósforo do xurro, que son os elementos que poden dar lugar á contaminación por nitritos e á eutrofización. 

-Tampouco resolve a falta de terras das explotacións con excedentes de xurro, xa que logo da dixestión anaerobia, fica un dixerido en cantidade practicamente igual ao xurro tratado, que precisará tamén de terra onde poder ser utilizado como fertilizante. Se falta terra para os excedentes de xurro seguirá faltando para a utilización do dixerido producido nas plantas de biometano.

5. A dixestión anaerobia do xurro só pode considerarse sustentable se as seguintes condicións:  

- Que se leve a cabo na propia explotación, evitando o transporte do xurro até unha planta centralizada situada lonxe das explotacións.

- Que o biogás se aproveite in situ, para xerar parte da enerxía eléctrica e calorífica que a propia explotación gandeira precisa.- Que exista suficiente terra próxima a disposición da explotación gandeira na que poder utilizar o dixerido líquido como fertilizante.

Por un Plan Galego de Xestión Integral de Explotacións Gandeiras, Solo e Xurros

Xa que logo, estes megaproxectos non son máis que un novo negocio ao se apuntan as empresas enerxéticas (as grandes emisoras de CO2), e todo tipo de capital especulativo para, arroupándose de "verde" e coa escusa da economía circular, facerse con enormes cantidades de diñeiro público en forma de subvencións directas, ás que hai que engadir os prezos subvencionados para o biometano producido. 

E cando estas plantas estean en funcionamento, os gandeiros perden toda capacidade de decidir sobre a xestión e uso dos xurros entregados, podendo verse na situación de ter que pagar primeiro pola súa retirada e pagar outra vez polo dixerido sólido para a fertilizar as súas terras.

Para ADEGA, a solución aos excedentes de xurro non pode ser outra que a elaboración dun Plan Galego de Xestión Combinada e Integrada das Explotacións Gandeiras, do Solo Argario e dos Xurros, para acadar en breve prazo o obxectivo de equilibrar a carga gandeira de cada explotación coa cantidade de solo dispoñíbel para unha xestión sustentábel do xurro. 

No caso do proxecto en Antas de Ulla, ademais resulta politicamente improcedente que o proxecto se pretenda desenvolver con capital de EE.UU, Países Baixos ou Turquía, así como de países en conflito como Ucraína ou Xeorxia, e mesmo de Israel, o que en si mesmo é ética e moralmente inaceptábel polo xenocidio que está a cometer contra o pobo palestino.

Xa que logo, cómpre rexeitar contundentemente este proxecto de negocio especulativo e solicitar ao concello de Antas de Ulla que denegue a cesión da referida parcela para a súa instalación.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal