ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA Vigo-O Morrazo denuncia novas obras no...

22-11-2024

ADEGA Vigo-O Morrazo denuncia novas obras no nacemento do río Lagares

ADEGA presenta denuncia ante as autoridades competentes polas obras que se están a executar, unha vez máis, nas inmediacións do nacemento do río Lagares na parroquia de Cabral, traballos  que desta vez consisten na escavación de gabias e a instalación dunha rede de canos para a canalización dos regatos que conforman o sistema de nacemento do río, modificando o fluxo hídrico e drenando a braña e o bosque aluvial que ocupan a parcela sobre a que se realizan os traballos, incumprindo toda a lexislación vixente en materia de augas.

O enésimo ataque a un espazo de alto valor natural

Dende ADEGA lembramos que as obras afectan directamente ao bosque lindeiro coa lagoa de Mol, espazo incluído no Inventario de zonas húmidas de Galicia formando parte indubidabelmente do mesmo ecosistema e que, malia non contar, inexplicabelmente, cunha figura de protección oficial, as parcelas afectadas polos traballos están ocupadas por bosque aluvial e brañas, hábitats catalogados como prioritarios na Directiva de Hábitats da Unión Europea. Ademais, este espazo fluvial constitúe o hábitat de numerosos anfibios e réptiles catalogados como especies ameazadas.

Cortas na lagoa

Ademais da canalización dos brazos menores do río, nos últimos días tamén se realizou a corta indiscriminada das árbores situadas en ambas marxes da lagoa de Mol.

Reincidencia

Lembramos que a directiva da CMVMC de Cabral propietaria dos terreos, foi xa sancionada polas obras executadas hai un ano nas que se cometeron traballos que consistiron na introdución dunha pa escavadora no leito do río, modificando o seu fluxo hídrico e a corta de numerosas árbores presentes na zona de servidume do leito e a roza de vexetación, destruíndo o bosque de galería nas dúas marxes nunha área aproximada de 2000-2300 metros cadrados.

Depuración de responsabilidades

Dende ADEGA esiximos a paralización inmediata dos traballos até que se esclareza se, como todo parece indicar a teor da praxe habitual dos titulares da parcela, se están a realizar sen a preceptiva licenza ou se se están a exceder os termos do hipotético permiso para obrar e se estes traballos gardan relación cunha posíbel ampliación ou acondicionamento do campo de golf que ocupa este espazo natural. Esiximos, ademais, o inicio dun expediente sancionador polo incumprimento da normativa en materia de protección dos recursos hídricos e dos hábitats asociados ao mesmo, co agravante de reincidencia, así como que se obrigue ao promotor das obras executadas a restablecer o estado orixinal do espazo danado.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal