ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza unha campaña de recadación para...

18-11-2024

ADEGA lanza unha campaña de recadación para procurar frear o proxecto eólico Monteiro nos Ancares

A Asociación ecoloxista ADEGA demanda axuda cidadá para procurar frear no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza o polígono eólico Monteiro, proxectado na comarca dos Ancares e da Fonsagrada. Con este obxectivo, ADEGA lanza unha nova campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para reunir os fondos necesarios, 6.800 euros, de cara á interposición do recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico.

Trátase, en concreto, do parque Monteiro, que prevé a instalación de 5 aeroxeradores de 200 metros de altura nos concellos lucenses de Baralla, Baleira e Becerreá. Está promovido por Greenalia Wind Power e foi deseñado para fornecer o complexo industrial de Alcoa San Cibrao. Todo apunta a que se trata dun novo caso de fragmentación artificial dun único proxecto eólico -Monteiro, xunto con Restelo e Pena do Pico, moi próximos e cos que comparte liña de evacuación-, artellado coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, o que podería tratarse dunha fraude de lei. 

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, ADEGA acaba de facer pública a seguinte plataforma online de crowfunding:
https://tipodesparalos.helpbysc.com/monteiro

Proxectado en zona de exclusión eólica

O proxecto eólico Monteiro sitúase nas montañas das comarcas dos Ancares e da Fonsagrada. Emprazaríase a menos dun quilómetro e medio da zona de ampliación da Rede Natura 2000 presentada pola Xunta de Galiza no 2008; en concreto, do novo LIC (Lugar de Interese Comunitario) Miño-Neira. Boa parte das súas instalacións quedarían no interior da Reserva da Biosfera Terras do Miño e da Reserva da biosfera Río Eo, Oscos e Terras de Burón. O proxecto atinxiría tamén, en parte, a unha zona de sensibilidade ambiental máxima - e de exclusión eólica-, en base á zonificación ambiental para a implantación da enerxía eólica realizada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

Cómpre sinalar tamén a posible presenza de oso pardo cantábrico (Ursus arctos) na zona de implantación deste proxecto. No verán de 2024 rexistrouse a presenza dun macho adulto dentro do territorio ocupado pola poligonal do parque eólico Monteiro, contiguo a Restelo. Hai tamén avistamentos de osas con crías cara ao Norte, polo que este parque, xunto co de Restelo e os contiguos dos Ancares (Serra do Colmo, Serra de Piñeira, Chao do Marco, Serra do Furco e Reboiro), poderían estar localizados nunha área de presenza e expansión da especie.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para este desafío é de 6.800 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde este xoves, 21 de novembro, e nela será preciso acadar un mínimo de 3.400 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA do pertinente recurso administrativo de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental, alén de poder cubrir outros gastos de xestión. Nunha segunda fase procurarase acadar a metade restante, para a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.

Éxitos logrados

A campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos converteuse xa na iniciativa máis exitosa de todas as campañas de micromecenado que se teñen lanzado en Galiza con fins de defensa ambiental, tanto pola envergadura dos fondos recadados (preto de 200.000 no ano 2023) como polo número de achegas (con máis de 2.000 colectivos, asociacións e persoas particulares involucradas).

Ademais, os éxitos logrados ata o momento nos tribunais acreditan o traballo desenvolvido en defensa do medio ambiente e do rural no marco desta campaña. Son xa unha vintena os proxectos eólicos paralizados cautelarmente por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a instancias de ADEGA, grazas á masiva solidariedade da cidadanía e de plataformas veciñais que achegaron o seu gran de area para custear a presentación dos correspondentes recursos e a solicitude de paralización cautelar de máis dunha trintena de proxectos eólicos.

Agora, ADEGA lanza esta nova campaña #TiPodesParalos co obxectivo de acadar a anulación, primeiro cautelar e logo definitiva, do P.E. Monteiro ante a Xustiza. A organización ecoloxista agradece todo o apoio recibido ata o momento e pide a colaboración para conseguir un fito máis na defensa dos montes e das xentes da Fonsagrada e dos Ancares fronte á vaga eólica.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal