13-11-2024
As asociacións ADEGA-Lugo e Ríos con Vida veñen de denunciar en rolda de prensa a falta de protección dos ríos no Concello de Lugo, o que se traduce nun urbanismo alleo ao cambio climático e ás súas consecuencias. Nestes días tráxicos nos que vemos como a falta de adaptación ao cambio climático pode ter consecuencias fatais, ambas organizacións esixen ao Concello de Lugo a adopción de medidas encamiñadas á mitigación dos seus efectos e á protección de todos os leitos fluviais e da zonas de inundabilidade. ADEGA-Lugo e Ríos con Vida tomarán todas as accións legais e sociais posíbeis para impedir que se perpetúen políticas urbanísticas especulativas e que non protexen os recursos patrimoniais e ambientais como grandes aliados na actual crise climática.
As políticas urbanísticas desenvoltas nos últimos anos polo Concello promoven a expansión urbana, o que crea novas bolsas de solo e destrúe espazos naturais en torno á cidade, sen que se tivese feito unha análise da realidade urbana. Cabe lembrar que segundo o censo do 2021 elaborado polo Instituto Nacional de Estatística, Lugo conta con 10.728 vivendas baleiras das 62.648 totais. É dicir, o 17,12% das vivendas no concello de Lugo están deshabitadas. ADEGA-Lugo e Ríos con Vida esiximos outras solucións que non impliquen o consumo de solo. Entendemos que é primordial a rehabilitación e rexeneración dos barrios en decadencia e o desenvolvemento dos baleiros urbanos dentro da cidade.
A esta expansión urbanística hai que sumarlle a falta de protección dos ríos dentro do PXOM de Lugo. ADEGA e Ríos con Vida conseguimos frear temporalmente a aprobación do 5% do PXOM de Lugo, por non contar coa correcta delimitación dos cursos fluviais existentes no concello, e polo tanto, por non artellar unha correcta determinación de zonas inundábeis. Porén, o Concello de Lugo, en conivencia coa Xunta de Galiza, aprobaron definitivamente o PXOM o pasado 11 de novembro de 2023 sen ter corrixidas estas eivas.
É por iso que ADEGA ten interposto un recurso contencioso administrativo contra o PXOM de Lugo. A organización pide a súa nulidade total por non grafar todos os cursos dos ríos e regos e por non delimitar e protexer de forma correcta os terreos que afectan ás marxes.
Xosé Manuel Fernández, en representación de ADEGA-Lugo, deu conta en rolda de prensa dos traballos realizados para determinar a cantidade de ríos e regatos que non figuran no PXOM de Lugo e que deben ser protexidos, ademais dos moitos exemplos urbanísticos que afectan a cursos fluviais. Entre eles, destaca o caso das Saamasas, a parcela proposta para a nova comisaría; o aparcadoiro da Avda. Breogán, o desenvolvemento do solo entre As Gándaras e Albeiros, o Sector S5I, a Cheda...
Ademais, Fernández denunciou novamente a pésima xestión que se está a realizar das augas residuais, o que provoca que cada vez que hai choivas fortes, remate unha gran cantidade de lixo no río Rato. As limpezas realizadas por ADEGA xunto con outras entidades como a UNED ou Coidemos Lugo no río non son suficientes para frear a acumulación de toalliñas e outros produtos de hixiene no leito fluvial.
Pola súa banda, Mark Atkinson, en representación da Asociación Ríos con Vida, desmentiu algúns dos bulos que están a repetirse desde o desastre acontecido en Valencia por mor da DINA. En concreto, con respecto ás presas, ríos e riadas. Deu conta do estado actual dos ríos, da importancia da vexetación autóctona de ribeira, e sinalou algunhas accións como a pesca sen morte, que poderían supoñer un aumento da supervivencia da fauna piscícola.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal