12-11-2024
Asociacións ecoloxistas, sociais, veciñais e sindicais de Vigo e o Morrazo presentaron este martes, 12 de novembro, en Vigo, a Plataforma Fronte á Masificación Turística, da que delegación ADEGA Vigo-O Morrazo fai parte. Esta plataforma nace como resposta fronte ao proceso de turistificación masivo que se está a vivir nas comarcas de Vigo e do Morrazo, e co obxectivo de denunciar os impactos negativos do turismo de masas. Entre eles, destaca o acceso a vivenda, a precariedade laboral e a alteración dos espazos naturais que este modelo está a causar nas zonas costeiras do sur da Galiza. Desde a plataforma, integrada por 18 organizacións*, reclamamos un modelo de turismo máis sostible, o control dos alugueiros turísticos e das condicións de traballo na hostalaría, a garantía dos servizos públicos e uso razoable dos recursos e os espazos naturais.
Este modelo de turismo está a provocar un fondo impacto medioambiental, debido á alteración de zonas de alto valor ecolóxico e paisaxístico, á polución atmosférica producida polo transporte terrestre e marítimo e ao esgotamento dos recursos naturais que está a causar, entre outros problemas, un aumento do estrés hídrico na zona.
Un dos puntos nos que a plataforma tamén fai fincapé é na dificultade de acceso á vivenda, ao se tratar dun dos impactos máis graves a nivel social. Este modelo turístico é causa directa do aumento desmedido de vivenda de uso turístico. Segundo cifras da Xunta de Galicia, en Vigo e no Morrazo hai 2.094 e 1.783 vivendas de uso turístico rexistradas, respectivamente, (ao que habería que engadir as que operan de xeito irregular), fronte ás 450 e 70 vivendas de uso habitual ofertadas, segundo os principais portais inmobiliarios. Esta escaseza de oferta, nunha zona de influencia de preto de 400.000 persoas, disparou os prezos do alugueiro nun 45% dende o 2015 e máis dun 11% só no último ano, cunha tendencia que continua á alza.
Con todo, para a Plataforma Fronte á Masificación Turística, os impactos socioeconómicos non se limitan ao problema da vivenda. A precariedade laboral, sobre todo no sector servizos (hostalería, limpeza, comercio), o baleiramento dos barrios coa destrución do comercio local, a sobrecarga das infraestruturas e servizos públicos (recollida de lixo, saneamento, etc.), son exemplos de como esta masificación turística está a transformar o modo de vida nas rexións máis tensionadas.
Ás portas do Nadal vigués e despois dun período estival que bateu récords de visitantes no Morrazo, a Plataforma Fronte á Masificación Turística Vigo - O Morrazo reclama un espazo para todas, turistas e veciñanza. Entre as nosas demandas están limitar e regular estritamente as vivendas de uso turístico e aumentar a oferta pública de alugueiro social ata acadar a media da Unión Europea, o 15% do parque de vivenda. Isto, en Vigo, suporía ter dispoñibles 23.000 vivendas para alugueiro social das 154.000 existentes, canalizar recursos para garantir o bo funcionamento dos servizos públicos e desenvolver unha estratexia de mobilidade pública e sostible, así como a mellora das condicións laborais na hostalaría.
Nesta liña, outras das propostas que se formulan dende a Plataforma son a aplicación dunha taxa turística para o desenvolvemento de proxectos sociais, culturais e ambientais a nivel local e o impulso da diversificación da economía alén do sector turístico. Ademais, para evitar os impactos no medio ambiente, dende a Plataforma esiximos o establecemento de límites ao fluxo de visitantes en zonas naturais sensibles, ampliar as zonas protexidas e a protección das árbores, vixiar o cumprimento da protección e limitar os cruceiros que chegan ao peirao de Transatlánticos, dadas as emisións contaminantes que producen.
A Plataforma prevé un plan de accións destinadas a chamar á mobilización da cidadanía para visibilizar a problemática e traballar por un Vigo e Morrazo para vivir, onde a veciñanza ocupe o lugar que lle corresponde como centro das nosas vilas e cidades.
Se queres saber máis sobre o proceso de turistificación, os seus impactos e posíbeis respostas dende o ecoloxismo, no vindeiro número da nosa revista Cerna adicámoslle un artigo. Fica atenta!
*ADEGA Vigo-Morrazo, Amigas das Árbores, Amnistía Internacional, Asociación de Vecinos Zona Centro de Vigo, Asociación de Veciños Terra da Laxe de Pinténs, Asemblea Republicana de Vigo (ARV), Centro Social A Nubeira, CIG, Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo, CUT, Ecoloxistas en Acción, Federación Veciñal Eduardo Chao (FAVEC), Oficina de Valores Non Inventariables (OVNI), Plataforma de afectados polo turismo do Morrazo, Salvemos A Barroca, Sindicato de Inquilinas Vigo-Tui-BM e Verdegaia.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal