Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo denuncia a corta indiscriminada de...
08-11-2024
A delegación de Lugo de ADEGA vén de denunciar perante o SEPRONA e o Concello de Ribadeo a corta indiscriminada de árbores de gran porte no colexio público Gregorio Sanz.
Trátase dos traballos que se están a desenvolver estes días no centro educativo e nos que se están cortando, en principio, sen ningún tipo criterio técnico, árbores que a simple vista non presentan ningún problema fitosanitario ou de seguridade para persoas ou bens. A través dunha empresa privada, o Concello de Ribadeo tallou xa unha ducia exemplares de cerdeiras, chopos ou tuias, de máis de 30 anos nalgún caso.
Estas tarefas de poda e corta, nas que incluso interviu maquinaria pesada, fixéronse en horario lectivo e co alumnado dentro das instalacións educativas. Ademais destas cortas arbitrarias, estanse facendo podas innecesarias, mal executadas e incluso preducidiais doutros exemplares, o que compromete a supervivencia e o estado sanitario das árbores.
ADEGA cuestiona estas actuacións, que privarán ás crianzas do Colexio Público Gregorio Sanz de poder desfrutar deste espazo verde, e esixe que se faga público o informe técnico que avale e xustifique a necesidade de realizar a corta.
Nestes días nos que asistimos tan de preto aos efectos que o cambio climático provoca na contorna, ADEGA non entende esta falta de sensibilidade por parte do Concello de Ribadeo, que no canto de camiñar cara a un urbanismo verde, corta árbores que están visiblemente sanas.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal