ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA-Lugo oponse á previsión dun novo...

09-11-2024

ADEGA-Lugo oponse á previsión dun novo desenvolvemento urbanístico en zonas naturais fóra da cidade

ADEGA-Lugo mostra o seu total rexeitamento á pretensión do Concello de Lugo e da Xunta de Galiza de urbanizar a zona da cunca alta do río Rato, entre os barrios das Gándaras e Albeiros. Xustifican esta decisión na necesidade de creación de vivenda, nun contexto no que existen na cidade baleiros urbanos por desenvolver e barrios totalmente degradados que deberían ser rehabilitados.

ADEGA non pode estar máis en contra desta localización. Os sectores 3R e 4R que forman parte do solo que se está a valorar entre As Gándaras e Albeiros conteñen valores naturais e patrimoniais moi importantes: o castro de Albeiros, protexido e inventariado; gran cantidade de muros a xunta seca -cuxa técnica construtiva está catalogada como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO-; importantes formacións de arborado autóctono conformando carballeiras e bosques de ribeira asociados a un afluente do río Rato que tamén se vería afectado; ademais do propio río Rato. Este desenvolvemento implicaría, ademais, a destrución do sistema de pequenas hortas e prados adxacente á cidade, ademais da demolición de vivendas existentes.


Lugo conta con baleiros urbanos por desenvolver e barrios degradados a rehabilitar

ADEGA-Lugo non entende a postura do Concello de Lugo e da Xunta de Galiza de seguir urbanizando zonas naturais, cando aínda existen na cidade baleiros urbanos por desenvolver, como o distrito 13 en Catasol, e grandes bolsas de solo urbanizado sen edificar que xa contan con todas as infraestruturas necesarias, como Sanfiz ou Norte 1 e 2 de Garabolos. Sumados, poderían albergar varios miles de vivendas. Este tipo de actuacións afondan aínda máis na degradación dos barrios da cidade que deberían ser renovados, rexenerados e rehabilitados, o caso do Barrio Feijoo, a Milagrosa, o Carme, Recatelo, etc.

Segundo o censo do 2021, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística, Lugo conta con 10.728 vivendas baleiras das 62.648 totais. É dicir, o 17,12% das vivendas no concello de Lugo están deshabitadas, o que esixe unha análise por parte do Concello e da Xunta de Galiza, para establecer as medidas a executar de cara a que estas vivendas poidan saír ao mercado de alugueiros con garantías, tanto para as persoas inquilinas, como para as arrendatarias.

Estase a promover a construción dun barrio fóra da cidade adicado unicamente á vivenda protexida, segregado social e economicamente e, por tanto, sen favorecer a cohesión social que determina o artigo 42.10 da lei 2/2016 do solo de Galicia. Desta maneira, expándese a cidade aínda máis, perpetúase a dependencia do vehículo privado e destrúese o patrimonio cultural e natural, sen que se faga unha análise da realidade da cidade e se procuren outras solucións que non impliquen o consumo de solo.

Urbanismo en contra da propia lexislación da Xunta

Este tipo de urbanismo vai tamén en contra da propia lexislación autonómica, como a Lei da Xunta de Galiza 1/2019 do 22 de abril de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. Esta normativa salienta que "a rehabilitación e a reutilización dos espazos residenciais abandonados ou degradados, xa sexa nas cidades, nas vilas ou nos núcleos rurais, xogan un papel fundamental nas políticas de vivenda como solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación, de conservar o patrimonio construído e de minorar os impactos no medio". Perpetúase, así, o modelo liberal de urbanismo voraz en contra das actuais directrices da ONU e europeas, como a Axenda 2030 de 2015, a Nova Axenda Urbana de 2016 da ONU1(1), a Axenda Urbana Europea de 2016 ou a Axenda Urbana Española de 2019.

Urbanismo alleo ao cambio climático

Está recente a traxedia causada pola DINA en Valencia, consecuencia, en parte, de políticas urbanísticas alleas ao cambio climático. O urbanismo nas cidades ten que ir encamiñado, ademais de a mitigar os seus efectos, a adaptar as cidades a episodios intensos cada vez frecuentes. Non podemos permitir que os cursos dos regos e ríos do concello, así como as zonas ou terreos inundábeis, se degraden ou destrúan, xa que poderían afectar nun futuro próximo a vivendas, bens e persoas, con graves custos persoais e materiais. Estes cursos fluviais deben estar correctamente delimitados e as súas marxes e zonas de inundabilidade correctamente protexidas de calquera intervención urbanística.

ADEGA, xunto ás asociacións Ríos con Vida, e a Asoc. Galega de Custodia do Territorio, conseguiron frear temporalmente a aprobación do 5% do PXOM de Lugo, por non contar coa correcta delimitación dos cursos fluviais existentes no concello, e polo tanto, coa correcta determinación de zonas inundábeis. Porén, o Concello de Lugo, en conivencia coa Xunta de Galiza, aprobaron definitivamente o PXOM o pasado 11 de novembro de 2023 sen ter corrixidas estas eivas que consideramos moi graves. 

É por iso que ADEGA ten interposto un recurso contencioso administrativo contra o PXOM de Lugo, de cara á súa nulidade total por seguir sin grafiar todos os cursos dos ríos e regos e por non delimitar e protexer de forma correcta os terreos que afectan ás marxes; en especial, o afluente que afecta a ditos sectores e ao mesmo río Rato. Outra das parcelas afectadas pola falta de grafiado dos regatos é a proposta para a nova comisaría de policía na Abella, atravesada por un regato que non está delimitado no PXOM.

ADEGA esixe ao Concello de Lugo a protección de todos os cauces fluviais e a súa zona de inundabilidade, e adverte que tomará todas as accións legais e sociais para impedir que se perpetúen as políticas urbanísticas especulativas que non promovan accións encamiñadas á mitigación e adaptación ao cambio climático e que protexan os recursos patrimoniais e ambientais, como grandes aliados na actual crise climática.

  1. 1O artigo 97 da Nova Axenda Urbana de 2016 das Nacións Unidas, di: (https://habitat3.org/wp-content/uploads/NUA-Spanish.pdf) “Fomentaremos a xestión controlada das expansións urbanas e a ocupación dos baleiros urbanos, dando prioridade á renovación, rexeneración e rehabilitación das áreas urbanas, de forma adecuada, incluíndo a mellora dos núcleos de aloxamentos precarios, proporcionando edificios e espazos urbanos de calidade, promovendo actuacións integradas e participativas que involucren a todos os habitantes e aos interesados, evitando a segregación e a xentrificación espacial e socioeconómica, e ao mesmo tempo preservando o patrimonio cultural e evitando a expansión urbana”

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal