Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e Cultura do País denuncian o abandono de...
08-04-2014
ADEGA e Cultura do País vimos de comunicarlle ao Servizo de Patrimonio da Xunta de Galiza que no sitio arqueolóxico do círculo lítico do castro de Coeses están a aparecer restos arqueolóxicos, concretamente fragmentos significativos e con interese arqueolóxico de olas cerámicas, semellantes ás atopadas na necrópole de incineración do interior do círculo lítico.
Estas asociacións consideran moi grave que, despois dunha supostamente exemplar intervención arqueolóxica supervisada por arqueólogos de Patrimonio, comecen a agromar restos cerámicos espallados polo xacemento. Cómpre lembrar que por esta intervención arqueolóxica o Ministerio de Fomento pagou a nada desprezable cantidade de 1,07 millóns de euros.
ADEGA e Cultura do País solicitan a Patrimonio a recollida urxente destes restos para evitar o seu espolio e/ou a súa desaparición.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal