ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Especies ameazadas e endemismos inzan o...

08-10-2024

Especies ameazadas e endemismos inzan o territorio que pretende ocupar o complexo de ALTRI-Greenfiber

Segundo un estudo dun grupo de investigación da USC

Mapa da flora ameazada e ALTRI. Rodríguez Oubiña et al.

ADEGA vén de ter acceso aos datos colleitados polo grupo de investigación de análise e conservación da biodiversidade da USC, que demostran a presenza no territorio que pretende ocupar o complexo industrial de ALTRI-Greefiber de 4 especies botánicas ameazadas, tres delas endemismos estritos.

Esta información, froito dun mapeo e prospección sistemática (mais non completa, xa que non se puido acceder á finca de Quintas) do extremo sudeste do afloramento de rochas ultrabásicas do centro de Galiza, onde se pretende implantar a industria de fibra de celulosa e as súas infraestructuras asociadas, reflicte a presenza dos seguintes taxóns botánicos:

Os endemismos estritos Armeria merinoi Nieto Feliner & Silva Pando e Santolina melidensis R.Oubiña & S.Ortiz, ambos en perigo crítico; así como do Leucanthemum gallaecicum R.Oubiña & S.Ortiz, en perigo; e a vulnerábel Centaurea gallaecica (M.Laínz) Arnelas & Devesa, atendendo á "Lista Roja de la Flora Vascular de España" (Moreno, 2008; Bañares et al., 2004), e o CGEA (Catálogo Galego de Especies Ameazadas).

Xa que logo, resulta incuestionábel que o proxecto de implantación das fábricas de celulosa e fibras téxtiles (proxecto Gama) en Palas de Rei, que ocuparía 360 ha nas que cando menos en 101 (aprox. 1/3) estarían presentes algúns destes taxóns, elimiminará unha parte significativa da área máis relevante para a flora ameazada e protexida do afloramento serpentinítico. Destruirá, polo tanto, de forma directa diversos núcleos das catro especies endémicas descritas, así como varios hábitats de interese prioritario para a UE.

Inviabilidade das medidas compensatorias propostas pola empresa

Dende ADEGA subliñamos que a proposta de translocar estes taxóns endémicos insinuada pola empresa na documentación do proxecto, ou de construir ex situ un hábitat equivalente ao eliminado, está moi cuestionada pola comunidade científica, alén de que a conservación in situ está consagrada como un dos principios da Directiva 92/43/CEE e expresamente desenvolvida no Capítulo I da Lei 42/2007 do Patrimonio natural e da biodiversidade. Ademais, á vista da importante afección territorial das instalacións de Altri sobre a área de presenza destas especies ameazadas, constatada polos botánicos da USC, resultaría imposíbel reubicar estas poboacións.

A este respecto, as investigadoras do grupo de análise e conservación da biodiversidade da USC sinalan que "non é viable calquera proposta compensatoria ou paliativa de translocación destas especies vexetais desde a zona afectada a localizacións onde o solo non presente esta estrutura, pois que o solo sexa derivado de rochas ultrabásicas non é condición suficiente para lograr un asentamento perdurable destas especies. Se o solo non reúne a estrutura necesaria, as especies de interese son desprazadas por outras máis competitivas, polo que a medida sería un fracaso. E nos poucos lugares que aínda a reúne, as especies xa están presentes e calquera actuación de translocación sería en si mesma unha ameaza".

Á vista das evidencias cada vez máis sólidas dos inasumíbeis impactos da fatoría de ALTRI-Greenfiber sobre estes elementos naturais tan fráxiles e únicos, dende ADEGA exisimos á D. X. de Patrimonio Natural que emita un informe desfavorábel sobre o "proxecto Gama" e á conselleira de Medio Ambiente Ángeles Vázquez que desbote definitivamente o proxecto.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal