ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA demanda melloras no transporte...

17-09-2024

ADEGA demanda melloras no transporte metropolitano da Coruña como eixe central da mobilidade sostible

O vencemento do contrato da Compañía de Tranvías abre unha importante oportunidade para reconsiderar e mellorar o sistema de mobilidade na área metropolitana.

A delegación da Coruña de ADEGA chama a atención sobre a importancia do transporte metropolitano como unha das pezas chave para mellorar a saúde ambiental da comarca da Coruña. A mellora da conexión da cidade cos concellos da contorna facilitaría o desprazamento diario de miles de persoas de forma económica, eficiente e respectuosa co medio ambiente. 

Trátase esta dunha demanda histórica da cidadanía da comarca da Coruña, con maior intensidade se cabe nos últimos anos, co aumento de poboación de concellos como os de Oleiros, Culleredo, Arteixo e Sada. Ademais, a demanda dun servizo de transporte público metropolitano que faga descender o número de vehículos que diariamente entran e saen da Coruña, e reduza as colas nas horas punta, é xa unha esixencia para as administracións. 

A planificación dun transporte metropolitano eficaz pasa por un deseño que teña en conta as particularidades da comarca coruñesa. Non se trata só de conectar o centro da cidade coa periferia, senón de garantir que haxa unha rede ben articulada entre todos os municipios, que favoreza unha mobilidade fluída e equitativa. Isto require a colaboración e coordinación entre os distintos concellos e a Xunta de Galiza, responsable da concesión das liñas de transporte. 

A presenza de numerosos polígonos industriais na Coruña e a súa área metropolitana, como son os da Grela, POCOMACO, Sabón en Arteixo, o Espírito Santo en Cambre, o de Bergondo ou Alvedro en Culleredo... converte esta comarca nun dos principais motores económicos de Galiza. En todos estes polígonos industriais existe un número importante de empresas de sectores diversos, nos que traballan milleiros de persoas que se desprazan diariamente dende diferentes puntos da comarca. ADEGA-A Coruña denuncia a deficiente comunicación entre os polígonos industriais e as vilas mediante transporte público, o que representa unha tremenda eiva para a mobilidade sostible e para a concorrencia das empresas.  

O transporte metropolitano é unha solución sostible para mitigar os efectos do tráfico na contorna urbana e periurbana, e permite reducir a dependencia do vehículo particular e mellorar a calidade de vida das persoas. Neste sentido, ADEGA considera imprescindible avanzar na mellora das frecuencias e a ampliación das liñas que dean servizo ás áreas menos conectadas, así como na integración tarifaria. 

ADEGA vén demandando ás administracións locais e autonómicas a priorización neste ámbito de actuación, coa promoción dun modelo de transporte eficiente, que responda ás necesidades de desprazamento da poboación. Isto require unha aposta decidida por un sistema de transporte público robusto e adaptado ás realidades dunha área metropolitana en constante crecemento.

Melloras no tren de proximidade e outras opcións innovadoras

Así mesmo, a organización ecoloxista aposta polo tren de proximidade como unha alternativa de transporte público clave para a área metropolitana da Coruña, cun gran potencial para complementar o sistema de autobuses e reducir a saturación das estradas. A infraestrutura ferroviaria xa existe, pero é necesario realizar melloras nas frecuencias, horarios e nas conexións entre as diferentes estacións da comarca, como Betanzos, Sada, Oleiros e Culleredo, para facer do tren unha opción máis competitiva para os desprazamentos diarios. Un servizo de tren de proximidade eficaz podería reducir o tempo de viaxe, desconxestionar o tráfico e contribuír á sustentabilidade ambiental, por exemplo, para o acceso á UDC. 

A incorporación dun sistema de transporte público mariño na área da Coruña, similar ao que se utiliza nas comarcas de Vigo-O Morrazo podería abrir outras posibilidades para a mobilidade sostible. A baía coruñesa, á que teñen acceso os concellos da Coruña, Oleiros, Culleredo e Cambre, pode ser o espazo ideal para explorar este medio de transporte alternativo, para conectar de forma rápida e sostible os distintos municipios costeiros co centro da cidade; se ben é certo que entraña unha complexidade técnica importante realizar estes desprazamentos con baixas emisións.

Vencemento do contrato da Compañía de Tranvías: unha oportunidade para mellorar o servizo de transporte público

O contrato da Compañía de Tranvías da Coruña, que xestiona o transporte urbano na cidade, vence o 31 de decembro de 2024, co que se abre unha importante oportunidade para reconsiderar e mellorar o sistema de mobilidade na área metropolitana. Este vencemento supón unha ocasión única para avaliar o funcionamento actual do servizo e integrar melloras que permitan unha maior coordinación co transporte metropolitano.  

Entre as demandas históricas da cidadanía están a ampliación de liñas, a mellora das frecuencias e a revisión das tarifas, de modo que o servizo sexa máis accesible e eficaz. A renovación deste contrato debe contemplar un modelo de transporte público máis inclusivo, sostible e ecolóxico, que responda ás necesidades actuais e futuras, e que contribúa a reducir a dependencia do vehículo privado.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal