ADEGA

Inicio / Novas / Todas / ADEGA únese á comisión promotora da ILP...

11-09-2024

ADEGA únese á comisión promotora da ILP "Liberemos a Galega!" para rematar co secuestro da CRTVG

A organización ecoloxista ADEGA integra a comisión promotora da Iniciativa Lexislativa Popular "Liberemos a Galega!", impulsada a través da Plataforma en Defensa da CRTVG e apoiada por máis de 40 entidades sociais, sindicais, políticas e profesionais. A secretaria executiva de ADEGA, Belén Rodríguez, acudiu este mércores ao Parlamento de Galiza para formalizar, canda ao resto de organizacións promotoras (un total de 16), o rexistro da Iniciativa Lexislativa Popular no organismo. O seu obxectivo é modificar a actual Lei de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, pola que se rexe a CRTVG, para liberala do secuestro do Partido Popular e poñela ao servizo do pobo.

A voceira da iniciativa, a xornalista Tareixa Navaza, declarou perante os medios de comunicación logo de rexistrar a ILP que "os medios públicos non pertencen ao Goberno, son da cidadanía e están ao servizo deste país". Criticou duramente o proceder do Goberno galego e pediu o apoio do pobo galego a esta Iniciativa Lexislativa Popular a través da recollida de sinaturas unha vez que o documento finalice os trámites parlamentarios requiridos, xa no mes de outubro. A organización ecoloxista poñerá os pregos da ILP a disposición de todas aquelas persoas que queiran apoiar a causa.

Propostas

As organización sociais, culturais, sindicais, políticas e profesionais que apoian esta Iniciativa Lexislativa Popular consideran que a sociedade galega debe saír ao rescate do servizo público de comunicación audiovisual, e expresan a súa firme vontade de defender a existencia dunha radiotelevisión pública:

  • Que garanta o respecto escrupuloso á obxectividade, a imparcialidade, a neutralidade, a veracidade e o pluralismo informativo, erradicando a manipulación e a cancelación de contidos e profesionais.
  • Que recupere a perspectiva da realidade social, laboral, económica e cultural do país e de todo o seu tecido social, nos contidos informativos, divulgativos, educativos e de entretemento. A tal fin, garantirase o dereito de acceso, segundo  criterios obxectivos de representación e implantación social, sen que poida excluirse ningún grupo social e co máximo respecto ao pluralismo e á participación democrática de toda a sociedade galega. 
  • Que recupere a cobertura territorial de todo o país e as desconexións locais, espazos fundamentais para o dereito da cidadanía a acceder ao que acontece na súa contorna máis próxima.
  • Que promova e defenda a identidade de Galiza, da súa lingua e da súa cultura, co estímulo á produción editorial, teatral, músical, audiovisual e demais expresións artísticas e escénicas do país.
  • Que xogue un papel estratéxico na converxencia dixital e garanta a presenza do galego nas plataformas dixitais.
  • Que fomente a través dos contidos a igualdade e a non discriminación, a diversidade sexual, integrando a perspectiva de xénero e fomentando accións positivas, así como o uso da linguaxe non sexista.
  • Que preste especial atención á programación dirixida á infancia e á mocidade, por canto que representan o futuro da sociedade, recuperando unha das principais funcións para a que foi creada a Galega, o fortalecemento da Cultura e a lingua propias de Galiza, así como o seu papel educativo, socializador e galeguizador.
  • Que dispoña da estrutura, dimensión e recursos materiais, orzamentarios e humanos necesarios para desenvolver con autonomía as misións de servizo público que ten encomendadas.
  • Que cumpra a súa función estratéxica como motor do desenvolvemento da produción audiovisual independente, con transparencia e evitando a concentración das compras nun número reducido de provedores.

Por último, con esta ILP, as organizacións promotas instan os poderes públicos de Galiza ao cumprimento da normativa do sector audiovisual xestionado pola Xunta, nomeadamente a designación do Director Xeral por maioría cualificada do Parlamento  galego; o establecemento dos obxectivos xerais que debe cumprir a CRTVG, a través do correspondente mandato marco; a aprobación do Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, ou a creación dunha autoridade audiovisual independente que vele polo cumprimento das misións de servizo público encomendadas á CRTVG, conforme aos principios expresados nesta iniciativa lexislativa popular.

Organizacións asinanates

A Mesa pola Normalización Lingüística, Anova-Irmandade Nacionalista, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación de Escritores en LIngua Galega, Asociación de Gaiteiras Galegas, Asociación de Profesionais da Rama Artística e da Dobraxe de Galicia APRADOGA, Asociación Lucenza Nigrán, Asociación pola Defensa da Ría, Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Avante LGTB+, BNG, CCOO, CGT, CIG, CNT, CUT, Defende a Galega, Erguer, Esculca, Federación Rural Galega (FRUGA), Fundación Luís Tilve, Fundación Moncho Reboiras, InvestiGal-Rede Galega pola Investigación, Mulheres Nacionalistas Galegas, Músicas ao vivo, Plataforma Feminista Galega, Plataforma Queremos Galego, Plataforma SOS Sanidade Pública, Plataforma Veciñal Mina Touro-O PINO NON, PSdeG-PSOE, REDE (Federación Galega de Asociacións de Familiares e Usuarias de Residencias e da Dependencia), Sindicato Ferroviario, Sindicato Labrego Galego, SOS Ficción en Galego, UGTGalicia, Vía Galega.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal