ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Novo manual para a construción e a recuperación...

02-04-2014

Novo manual para a construción e a recuperación de charcas

Charcas con Vida edita o manual de construción e recuperación de pequenas charcas. O obxectivo deste manual é promover iniciativas de restauración de pequenas masas de auga e a creación doutras novas para  contribuír a conservación destas e da biodiversidade que acollen.  

A edición deste manual dá a coñecer diferentes actuacións que dende o proxecto Charcas con Vida se desenvolveron nestes ámbito durante o pasado ano 2013, nomeadamente as realizadas no marco da axuda da Fundación Biodiversidad en colaboración con outras moitas entidades.  

O manual divídese en varios apartados, entre os que destacan:  

Que é unha charca?  Descrición das diferentes tipoloxías destes pequenos e moitas veces descoñecidos ecosistemas. Enuméranse tamén certos mitos a desbotar sobre eles.

Recuperar antes de construír.
Onde se fala da importancia destes ecosistemas presentes na nosa xeografía dende sempre, polo que moitas veces será máis doado recuperar unha charca alí onde xa existía.

Construción de charcas. Describe mediante sinxelos pasos cómo crear unha pequena poza, dependendo do lugar, substrato, medios dispoñibles etc.  

Por último o manual céntrase na importancia da participación social nestas labouras de conservación da biodiversidade e remata con exemplos ou casos prácticos, tirados das actuacións realizadas por voluntariado ambiental no proxecto Charcas con Vida. Describíndose actuacións de recuperación, construción ou actividades complementarias.  

Esperamos que este manual sirva de exemplo e de estímulo para que outras entidades e persoas sigan o mesmo camiño. O equipo do proxecto Charcas con Vida queda a disposición de quen precise calquera aclaración ou asesoramento para a construción ou recuperación de charcas.  

O manual tamén está impreso en papel, se desexas recibir un exemplar ponte en contacto con charcas@adega.gal.  

Charcas con Vida agradece enormemente ao voluntariado participante en 2013 o seu esforzo e dedicación, sen vós non sería posible a edición deste manual. Moitas Grazas!

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal