ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / Cada vez máis lixo na cidade da Coruña, con ou...

12-08-2024

Cada vez máis lixo na cidade da Coruña, con ou sen folga de recollida

A organización ecoloxista ADEGA achega unhas cantas recomendacións a nivel persoal para reducir a xeración de residuos.


A asociación ecoloxista ADEGA quere expresar o seu alivio polo remate da folga de recollida de lixo na cidade da Coruña. A situación vivida nos últimos meses puxo de manifesto a enorme repercusión que teñen os residuos na nosa vida cotiá e a importancia da súa correcta xestión para o benestar da cidadanía e a conservación do ambiente. Esta conxuntura debe servirnos para reflexionar sobre a xestión que se está a facer do lixo e para darlle a importancia que realmente ten este servizo municipal. 

O Concello da Coruña debe poñerlle fin dunha vez á chantaxe que estaba a sufrir por parte do STL e tomar as medidas necesarias para que isto non volva acontecer. Tamén debe aumentar os seus esforzos para que toda a cidadanía reduza a produción de residuos, así como para recuperar a maior cantidade de materiais do lixo.  Estes esforzos por converter en máis ecolóxica a planta de Nostián e o sistema de recollida de lixo da cidade non só deben pasar por facer campañas de concienciación. ADEGA-A Coruña tamén considera que se deberían implementar iniciativas máis vangardistas, como pode ser a posta en marcha de proxectos de recuperación de materiais como o repair cafe, ou millor que nou, nos que calquera persoa pode dispoñer dos medios técnicos e o asesoramento para reparar obxectos cotiás, e así, reducir a cantidade de lixo que chega á planta de Nostián. 

Mentres non aconteza isto e mentres as administracións sigan sen asumir a súa responsabilidade, os espazos seguirán a ser devorados por moreas de residuos coma as que ateigaron as rúas da Coruña este último mes, por iso, ADEGA demanda que os sistemas de recollida e tratamento de residuos sexan sostibles e eficientes.

Recomendacións

Igualmente, como sociedade, todas as persoas teñen un papel fundamental na redución de residuos, e existen pequenos e grandes xestos que se poden facer a nivel individual para que a morea de lixo que se produce se reduza. A organización ecoloxista ADEGA achega algunhas recomendacións:

  • Dicir non aos plásticos dun só uso: Evitar o uso de bolsas de plástico, palliñas, cubertos e outros utensilios de usar e tirar. Optar por alternativas reutilizables como bolsas de tea, tuppers de vidro, ou botellas de auga reutilizables.
  • Comprar a granel ou evitar o uso de envases innecesarios: Mercar produtos a granel e levar os nosos propios envases ou bolsas pode reducir significativamente a cantidade de plásticos e envases de un só uso que xeramos.
  • Compostar na casa: Se dispoñemos dun espazo axeitado, a compostaxe dos restos orgánicos é unha excelente maneira de reducir os residuos que enviamos á planta de Nostián, ao tempo que obtemos abono natural para o noso xardín ou horta.
  • Reutilizar e reparar: Antes de desbotar un obxecto, debemos preguntarnos se pode ter unha segunda vida. Reparar electrodomésticos, mobles ou roupa, ou ben darlle un novo uso, pode reducir considerablemente a cantidade de lixo que xeramos.
  • Evitar o desperdicio: Planificar ben as compras e as comidas, e aproveitar as sobras de maneira creativa, pode axudar a reducir os residuos alimentarios. Así mesmo, é importante conservar correctamente os alimentos para prolongar a súa vida útil.
  • Separar correctamente os residuos que xeramos: Seguir as directrices de reciclaxe e separar correctamente os residuos para que poidan ser tratados axeitadamente é esencial para reducir a cantidade de restos que chega ao vertedoiro. Apostemos por un futuro máis limpo, onde a xestión dos residuos sexa unha prioridade para a cidade da Coruña. 

POR UNHA CORUÑA MÁIS ECOLÓXICA!

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal