ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Proxecto Ríos e ADEGA darán a coñecer este verán...

12-07-2024

Proxecto Ríos e ADEGA darán a coñecer este verán os valores naturais do Alto Ulla

Nas vindeiras semanas, ADEGA ten previsto realizar dúas actividades no marco do proxecto de custodia fluvial Proxecto Ríos, para dar a coñecer os valores naturais singulares da bacía alta do río Ulla. Este espazo, actualmente ameazado polo proxecto da macrocelulosa de Altri e Greenalia, constitúe ambientalmente unha área singular definida por unha xeoloxía e uns solos cunhas propiedades moi particulares que permiten a vida dunha flora única no mundo.

A través destas actividades, Proxecto Ríos tratará de sensibilizar e dar a coñecer á cidadanía sobre a importancia da preservación desta biodiversidade ameazada, así como do coidado do propio río Ulla, o cal tamén se vería drasticamente afectado de chegarse a instalar a fábrica de celulosas no Alto Ulla.

Estas saídas educativas contan co apoio económico da Deputación provincial da Coruña e coa colaboración das entidades asociativas locais Santiso Vivo, a Plataforma Ulloa Viva e a Fundación Eira da Xoana.

Identificación e sensibilización os valores naturais singulares do Alto Ulla

A primeira actividade de Proxecto Ríos no Alto Ulla será un Bioblitz ou descuberta de biodiversidade, que terá lugar o domingo 21 de xullo en horario de mañá (10h – 14h). Será unha actividade guiada por persoas expertas que consistirá en identificar todas as especies posibles nunha pequena área da contorna da lagoa de Santiso e as beiras do Ulla. Para participar, non se require experiencia previa. No percurso da actividade, localizaranse os endemismos ou especies botánicas singulares que caracterizan á zona, e procurarase atopar novos endemismos para sumar ao listado e pedir a protección que merece este lugar. Esta actividade encádrase dentro dos proxectos denominados de ciencia cidadá.

A segunda actividade será un Roteiro interpretativo, que terá lugar o domingo 11 de agosto, tamén en horario de mañá de 10h- 14:30h. Percorrerase o espazo explicando as peculiaridades da zona e facendo paradas para recoñecemento da flora e fauna máis importante. O roteiro terá un percorrido de aproximadamente 8 quilómetros e terá unha dificultade baixa, sen moito desnivel.

Reserva a túa praza

Estas actividades están abertas a todo o público en xeral, mais as prazas son limitadas, polo que é imprescindible anotarse nos formularios:

Tamén podes acceder aos formularios de reserva de praza a través dos códigos QR do cartaz divulgativo.

Para máis información:
marialafuente@adega.gal

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal