ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA e APDR apoian o ENIL para a illa de Tambo e...

05-07-2024

ADEGA e APDR apoian o ENIL para a illa de Tambo e a preservación dos seus hábitats naturais

Mega-cachola. Cromo: Fins Eirexas

A Asociación pola Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Asociación pola Defensa da Ria de Pontevedra (APDR) participaron este 4 de xullo en Poio na Comisión de Seguemento da Illa de Tambo. O Concello de Poio presentou unha proposta de ENIL (Espazo Natural de Interese Local) e un Plan de Emerxencias para a Illa de Tambo.

A proposta de ENIL ten como obxectivo principal a protección ambiental da Illa de Tambo. Porén, a proposta presentada onte dende o Concello de Poio non suscita o consenso dos nosos colectivos por levar ao final do documento unha proposta que inclúe a urbanización de gran parte Norte da Illa. As infraestructuras propostas incluirían: un albergue, un museo, infraestructuras de producción de enerxia, abastecemento de auga e saneamento para un elevado número de persoas, un auditorio, un observatorio, un miradoiro, e un campo de cultivo.

Os dous colectivos piden ao Concello de Poio a recuperación da proposta inicial de ENIL que consideramos axeitada, necesaria e suficiente para a conservación dos valores naturais e patrimoniais da illa de Tambo. Unha proposta que xa está redactada, puidendo ser aprobada polo pleno do Concello e, tramitarse a solicitude ante a Xunta de Galiza, de xeito inmediato para protexer esta xoia natural de riscos inminentes coma o de incendio pola alta presenza de especies coma o eucalipto.

De feito ADEGA realizou no ano 2023 un estudo sobre as plantas vasculares presentes na Illa de Tambo recollendose ata 230 especies diferentes. Nese estudo dividiuse a illa en 8 sectores nos que se identificaron todas as especies de plantas vasculares e mediuse a súa abundancia para coñecer o estado actual das especies: autóctonas, cultivadas, naturalizadas e invasoras. Estes datos poderán ser utilizados para labores de restauración ambiental e control de plantas invasoras. O resultado do estudo é que nos 4 sectores do norte de Tambo medran o 90% das especies de plantas vasculares da illa. O segundo proxecto conlevaría a modificación dos seus hábitats en gran medida, o que ocasionaria perdas irreparables e alteracións de especies que a figura de ENIL debe preservar e protexer.

En resumo, a proposta inicial de ENIL para APDR e ADEGA é unha iniciativa axeitada, necesaria e tamén suficiente para a conservación da natureza e do patrimonio cultural da illa de Tambo, que pode ser complementada coa información existente de prospeccións do patrimonio cultural así como serían posibles e abertas outras modificacións posteriores.

Martiño-Fiz López Lindoso (ADEGA) 607 345 643
Xosé Ríos Cidrás (APDR) 655 060 753

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal