Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Máis pelexos: é a guerra! Granxas de visóns...
27-03-2014
Diversas entidades ecoloxistas vimos de denunciar á Fiscalía Ambiental do TSXG que instalacións de cría de visón americano como a do Arnado-Parada, na Estrada, están traballando a marchas forzadas sen licenza nen permisos ambientais e mesmo sen ter rematado aínda o prazo de exposición pública para a apresentación de alegacións.
Chama a atención que as pelexeiras europeas investidoras nestes proxectos (neste caso de capital holandés) e que terán que abandonar a produción en países como Holanda, Reino Unido, Croacia, Eslovenia e proximamente Estonia e Bélxica, estean trasladando o seu negocio a Galiza non só pola idoneidade climática, senón tamén pola flexibilidade lexislativa e mesmo pola tolerancia e desleixo das institucións.
Só así pode explicarse que empresas como Visotecnic, que traballa para Agapel Pelting, estean construindo a toda máquina a granxa da Estrada mentres o proxecto está aínda a exposición pública e, portanto, carece de licenza municipal e autorización ambiental.
Resulta curioso que o vindeiro 3 de abril haxa convocada unha reunión extraordinaria do Observatorio Galego da Biodiversidade para tratar a problemática das granxas de visón e avaliar as condicións de bioseguridade. Contan estas empresas con información privilexiada que lles permite obrar adiantándose aos permisos? A que agarda a administración para paralisar as obras?
Ademais de denuncialo ao SEPRONA, ADEGA, a SGO, a SGHN e a FEG vimos de apresentar unha denuncia conxunta contra Visotecnic SL, promotora da granxa do Arnado (A Estrada), por obrar carecendo todo tipo de permisos e en consecuencia, incorrer presuntamente nun delicto contra o medio ambiente e os recursos naturais tipificado nos artigos 325, 326 e 328.2 do Código Penal.
Asemade, solicitamos tamén á Fiscalía que inste con carácter urxente á paralización cautelar das obras mentres non se resolven as autorizacións ambientais e licenzas aínda pendentes.
Está por ver que ten pensado facer a Xunta a respeito destas instalacións para as que os ecoloxistas pedimos unha moratoria inmediata en todo o país e o establecemento de estritos protocolos de bioseguridade. Galiza non pode ser o vertedoiro biolóxico de Europa e o paraíso da impunidade ambiental para empresas sen escrúpulos.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal