ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Greenfiber impediría o cumprimento da Directiva...

03-05-2024

Greenfiber impediría o cumprimento da Directiva Marco de Auga e suporía o colapso da Ría de Arousa

PDRA e ADEGA esixen á Xunta de Galicia que denegue a concesión de augas ao proxecto de Greenfiber e que emita unha declaración ambiental desfavorable das instalacións pola súa inviabilidade ecolóxica.


A Plataforma na defensa da Ría de Arousa (PDRA) e a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) alertan da inviabilidade ecolóxica do proxecto de Greenfiber (Altri e Greenalia) por constituír o golpe de graza do río Ulla e da ría de Arousa. A vogal de augas de ADEGA, Ana Fernández Santamarina, advertiu hoxe en rolda de prensa que o levantamento dunha planta de celulosas na parte alta da bacía do Ulla terá consecuencias negativas para toda a bacía, a cal se verá afectada de maneira significativa, tanto pola detracción de caudais como pola contaminación con elevadas cantidades de compostos químicos orgánicos. A fábrica de Altri comprometerá así, non só a viabilidade ecolóxica do río Ulla, senón tamén a doutros usos aos que se destina a súa auga, e impactará directamente a medio e longo prazo sobre a ría máis produtiva de Galiza, a Ría de Arousa.

Sen avaliar os efectos da captación da auga sobre a poboación

En canto á detracción de caudais, ADEGA sinala que a empresa solicitou unha concesón de augas para uso privativo e industrial de 46.000.000 de litros ao día, que extraerá do encoro de Portodemouros. Esta cantidade supera o consumo diario de auga da poobación de toda a provincia de Lugo e suporía a captación diaria do 9,2% do recurso existente no encoro de Portodemouros, é dicir, entre 4 e 8 veces máis do volume sinalado pola celulosa. Greenfiber obvia neste cálculo as detraccións procedentes doutros usos existentes e a diminución do recurso debido aos efectos do cambio climático, xa está cuantificado no Plan Hidrolóxico. 

Por outra parte, a avaliación dos efectos da captación de auga e dos posteriores vertidos da planta sobre a bacía do Ulla é moi deficiente. No Estudo de Impacto Ambiental do proxecto omítese o impacto que a detracción deste caudal suporá para os ecosistemas e especies, e para outros usos de auga, que hai río abaixo do encoro de Portodemouros. É curioso que só se contemplen posibles prexuízos sobre a explotación hidroléctrica do río, ocultando os efectos sobre o abastecemento de auga das poboacións o no desenvolvemento doutras actividades non industriais. Porén, o Plan Hidrolóxico do Río Ulla e ría de Arousa é o único que establece unha reserva de recursos hídricos para o abastecemento da poboación, ante a previsión do incremento da demanda nun futuro. E no Plan especial de Seca da demarcación hidrográfica Galicia-Costa afírmase que xa hai un 35% de concellos da bacía sen garantía de abastecemento en momentos de seca, condicións que se agravan nun escenario de cambio climático.

Incumprimento dos plans hidrolóxicos e da Directiva Marco da Auga

Polo que respecta ás verteduras procedentes da planta sobre o Ulla, Greenfiber asegura que devolverá ao río un máximo de 30.000.000 litros/día e un mínimo de 12.000.000 l/día, mais non explica en que tempo, forma e magnitude realizará tales verteduras ao río Ulla. Ademais, sitúa os valores de emisión de amonio, fósforo total ou fosfatos no límite de contaminación establecido pola Directiva Marco da Auga, de forma que, con que un deses parámetros de contaminación se altere e iguale ou supere o valor límite, o curso de auga estaría incumprindo a norma europea. Polo tanto, a planta de celulosas podería ser causa de incumprimento do dereito comunitario, expoñéndonos a unha posíbel multa da Unión Europea

Ao tempo, as verteduras no Ulla estarían vulnerando os obxectivos medioambientais europeos asumidos pola Xunta no Plan Hidrolóxico de Galicia-Costa relativos á mellorar da calidade das augas, o mantemento do bo estado daquelas non contaminadas ou de non empeorar a contaminación dos cursos de auga. Con esta fábrica ningún destes compromisos se cumprirían. O encoro de Portodemouros, a 1,5 quilómetros do punto de vertido, xa arrastra serios problemas de contaminación e eutrofización desde o primeiro plan hidrolóxico da bacía do Ulla que persisten a día de hoxe e que deberían solucionarse, como data límite, en 2027. Os contaminantes orgánicos desta fábrica e a temperatura do vertido non farán máis que empeorar o estado que presenta. 

Augas abaixo, os encoros de Brandariz e Touro, presentan a mesma problemática, e xa chegados ao esturario do Ulla, na ría de Arousa, as augas rexistran unha elevada presenza de amonio, fosfatos e nitratos, valores que se verán incrementados pola actividade de Greenfiber. Xaquín Rubido, da Plataforma na Derensa da Ría de Arousa, acompañado de representantes do sector, chama a atención sobre os posibles efectos deste incremento de contaminación na Ría de Arousa, onde se corre o risco de que acaben colapsando os ecosistemas mariños e polo tanto tamén os seus recursos marisqueiros e pesqueiros.

PDRA e ADEGA sinalaron tamén consecuencias na saúde do aumento da contaminación do Ulla e da eutrofización dos encoros, así como sobre o encarecemento dos custos dos concellos na potabilización das augas. 

Por todos estes motivos, ambas entidades esixen á Xunta de Galicia que denegue a concesión de augas á factoría de celulosa de Greenfiber e que emita unha declaración ambiental desfavorable ás súas instalacións na bacía alta do Ulla pola súa inviabilidade ecolóxica para o río e para a ría de Arousa.

Ligazóns

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal