ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA logra paralizar cautelarmente un proxecto...

26-04-2024

ADEGA logra paralizar cautelarmente un proxecto eólico por posible fragmentación artificial na Baña e Negreira

Trátase do P.E. Troitomil, que a organización ecoloxista puido recorrer ante a Xustiza grazas á campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos!


O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de notificar un Auto á organización ecoloxista ADEGA polo que acolle a súa solicitude de paralización cautelar do proxecto eólico Troitomil, promovido por Green Capital Power nos concellos da Baña e Negreira. A resolución do Auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico, emitida pola Dirección Xeral de Planificación Enerxética o pasado 20 de marzo de 2023.

Fragmentación artificial

O alto tribunal asenta a súa decisión no feito de que a instalación de aeroxeradores no espazo físico natural produce un impacto negativo sobre o medio ambiente, que se extende tanto ao propio ambiente, como sobre a paisaxe e o territorio” e que existen indicios racionais suficientes que certifican que tal dano é de “carácter irreversible”. Ademais, o TSXG asegura non poder dar por veraz a Declaración de Impacto Ambiental deste proxecto ao non avaliar os impactos sinérxicos de todos os parques eólicos que conflúen na zona e por estar “mediatizada” esta declaración pola posible fragmentación artificiosa do proxecto.

E é que o P.E. Troitomil forma parte dun único macroproxecto eólico de ao redor de 70 MW de potencia xunto aos polígonos Vilartoxo e Barrosino, resultado dunha fragmentación artificial artellada coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, o que supón unha posible fraude de lei. O alto tribunal apela, polo tanto, ao principio de precaución do Dereito Comunitario que impón actuar con vixilancia, xa que en caso de permitir a execución do proxecto e logo estimarse o recurso, “habería que desfacer o dano á costa do erario público, ademais de prexudicar á promotora e ter danado sen remedio o medio ambiente”.

Afectación aos recursos hídricos da veciñanza

O polígono eólico Troitomil proxéctase nos concellos coruñeses da Baña e Negreira e prevé a instalación de 5 aeroxeradores de 220 metros de altura e 30 MW de potencia. A auga é a principal afectada por este proxecto. A veciñanza e todas as aldeas afectadas e incluídas na poligonal abastécense de fontes de auga procedentes de distintos mananciais do monte onde se pretenden colocar as instalacións eólicas; un risco non avaliado nos estudos de impacto ambiental nin a través de estudos hidrolóxicos e hidroxeolóxicos sobre as afectacións a este recurso básico para a poboación.

Ademais, o parque eólico Troitomil afectaría un elemento de extraordinario valor ambiental, unha turbeira que é hábitat natural de interese prioritario para a Unión Europea e sumidoiro excepcional de gases de efecto invernadoiro. O sector estratéxico destes concellos, o gandeiro, quedaría comprometido polas instalacións eólicas, ao igual que o seu tecido social, xa que centos de casa e propiedades quedarían dentro dunha poligonal eólica sobredimensionada.

Agradecementos

ADEGA expresa a súa satisfacción ante o presente auto de suspensión cautelar e quere partillar esta boa nova, agradecer e parabenizar a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas (en especial, ás asociacións Fonte Seca da Baña e Vento Libre do Val do Dubra) por facer posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/troitomil), que a organización ecoloxista puidese interpoñer no TSXG recurso contencioso-administrativo contra este proxecto eólico e solicitar a súa paralización cautelar. Agora fica agardar á resolución do recurso contencioso-administrativo.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal