ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA e AGACS esixen responsabilidades a...

26-03-2014

ADEGA e AGACS esixen responsabilidades a Patrimonio e Conservación no encanamento do río Sarria

As actuacións promovidas pola C. H. Miño-Sil e o Concello de Sarria desenvólvense dentro do territorio histórico do BIC (Ben de Interese Cultural, Decreto nº 227/2011) e sobre un bosque de ribeira considerado hábitat prioritario pola Directiva 92/43 CE. Pese a isto, carecen dos permisos expresos de Cultura e Medio Ambiente para a súa execución, polo que son contrarias á lei.

Polo que respeita ás afeccións patrimoniais, tanto a tala como a destrución da ponte de Toleiro son accións prohibidas (art. 11.2) e tipificadas como infraccións “moi graves” (art. 21)  pola Lei 3/1996 de Camiños históricos de Galiza: “Será infracción moi grave toda actuación que supoña a destrución de parte do Camiño ou dos seus elementos funcionais, incluído o arborado; e a falta de autorización preceptiva para a realización de calquera tipo de actuación no territorio histórico do Camiño”.

A Dirección Xeral de Patrimonio e a Dirección Xeral de Conservación da Naturza están a vulnerar a lei facendo ouvidos xordos ás reclamas da veciñanza e permitindo que se consume unha ilegalidade que onte provocou a tala de 4 árbores máis e que hoxe pode acabar coa ponte de Toleiro.

Plano especial de protección do camiño, en redacción

ADEGA e AGACS esiximos á Dirección Xeral de Patrimonio que non autorice ningunha destas actuacións na área afectada polo BIC, mentres non se aprobe o Plano Especial de Protección do Camiño, actualmente en tramitación. O documento é unha norma que o concello de Sarria tamén está obrigado a respectar, en virtude da Lei 8/1995 de Patrimonio Cultural de Galiza. Mentres este Plano non sexa aprobado, “non se admitirán modificacións nas aliñacións e rasantes existentes, incrementos ou alteracións en volumen, parcelacións nin agregacións e, en xeral, cambios que afecten á harmonía do conxunto”, sinala a Lei.

Isto implicaría tamén que Patrimonio debería reconsiderar o informe positivo que emitiu en abril de 2013 ao proxecto global de encanamento do río Sarria.

O comité asesor do Camiño de Santiago, que asesorou?

ADEGA e AGACS queremos manifestar o noso desconcerto ao coñecermos que o Comité Asesor do Camiño de Santiago, no pleno do 9 de abril de 2013, daba o seu visto bo ao plano de encanamento do río Sarria ao estimar “que non existen inconvintes conceptuais no eido da protección e conservación dos valores culturais que impidan autorizar a actuación proposta”.

Consideramos que as valoracións deste Comité sobre un proxecto fortemente agresivo co territorio histórico do Camiño son erradas: Lembremos que o proxecto orixinal pretendía a tala de case 180 árbores e o derrubamento de 4 pontes, unha delas medieval, pola que pasa a vía histórica. Como este organismo puido aprobar este plano en base a criterios estéticos e non culturais?

Cabe sinalar ademais que algunhas das medidas correctoras recomendadas polo Comité, como a supervisión das obras por persoal técnico de Patrimonio Cultural ou o control arqueolóxico das actuacións, tampouco se están a dar.

Responsabilidades da D. X. de Conservación da Natureza

Sobre o tema ambiental, ADEGA lembra que as obras comezáronse a realizar sen o visto bo expreso da D. X. de Conservación da Natureza. Aliás, ADEGA propuxo o pasado 13 de marzo diante desta dirección xeral que este bosque de ribeira sexa incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. Segundo os artigos 4.9 e 9.2 do Decreto 67/2007 que regulamenta o Catálogo, débense adoptar medidas cautelares para salvagardar estes bens mentres non conclúa o proceso de catalogación.

En base a esta proposta, ADEGA tamén presentou onte ante este organismo unha solicitude de paralización urxente da tala de árbores como medida cautelar até que se pronuncie o Comité Galego de Árbores Senlleiras sobre a declaración do ameneiral do Malecón e da Illa de Toleiro como Formación Senlleira. Debemos destacar que este feito foi unha das razóns polas que onte a xuiza de Sarria decretou a paralización da tala.

Por tanto, a Xunta, através da Dirección Xeral de Conservación, tamén está a incumprir a lexislación vixente facendo ouvidos xordos á petición de paralización das obras.

Apoio á veciñanza contra a represión

Por último, ADEGA e AGACS queremos manifestar o noso profundo rexeitamento ao despexo con violencia que onte sofríu a veciñanza de Sarria e amosarlles a nosa solidariedade. Tratouse dun acto de covardía e prepotencia por parte das institucións públicas (Concello de Sarria, CH Miño-Sil e Xunta) empeñadas a seguir adiante de xeito ilegal co proxecto.

Resulta lamentábel que sexan as propias administracións, pola vía da represión policial e os feitos consumados, as que incumpren as normas legais para as que despois esixen  respecto á veciñanza.

Paradóxico é tamén que teña que ser a propia cidadanía e as organizacións sociais as que teñamos que adicar tempo e esforzos, mesmo con risco para a nosa integridade física, a defender o noso patrimonio contra o desleixo, o engano e a prepotencia das institucións que deberían respectalo.

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal