ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Medio Rural está a destruír a Devesa do Lusío en...

22-04-2024

Medio Rural está a destruír a Devesa do Lusío en Samos ao non facer efectiva unha orde de paralización​

ADEGA acudirá á fiscalía se a Xunta non paraliza de inmediato a corta


Hai unha semana, persoas que estaban a facer o Camiño de Santiago contactaron con ADEGA para denunciar a corta a feito de arborado autóctono na contorna do albergue da Casa Forte do Lusío en Samos. Ao comprobar que se trataba da emblemática devesa do Lusío, un espazo de grande valor ambiental incluído en Rede Natura 2000, por onde transcorre o Río Ferreira e o Camiño de Santiago, ADEGA presentou denuncia perante o SEPRONA, a Xefatura Territorial de Medio Rural en Lugo, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural e a Confederación Hidrográfica Miño Sil (CHMS).  

A raíz da denuncia presentada, fomos coñecedoras a través dunha comunicación de Medio Rural e do SEPRONA, que o Mosteiro de Samos, propietario dos terreos, e a empresa Forcons Noroeste SL contaban con autorización para realizar unha entresaca de arborado autóctono na devesa, con informes favorábeis de Patrimonio Cultural e Patrimonio Natural. Porén, nesa mesma comunicación indícase que o Mosteiro de Samos non está cumprindo cos condicionantes impostos na autorización de Medio Rural, por canto está afectando ao dobre do que foi autorizado, estanse abrindo vías de saca non permitidas, e estase facendo unha corta a feito e non unha entresaca. Ademais, sinálase que estes traballos non están sendo supervisados por ningunha persoa técnica en arqueoloxía.  

ADEGA, unha vez coñecida esta información, comprobou in situ que os traballos de corta continuaban, polo que reiterou a denuncia perante o SEPRONA e Medio Rural. Para a nosa sorpresa, o SEPRONA confírmanos que polo de agora non recibiran ningunha orde de paralizar a corta na devesa do Lusío, polo que segundo a súa versión, non puido facer efectiva nin executar a devandita orde de paralización.

Denuncias anteriores

Non é a primeira vez que esta fraga está ameazada. Hai un ano, ADEGA advertía á Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e á Dirección Xeral de Patrimonio Natural que había indicios dunha corta que podería causar danos ambientais irreparábeis sobre hábitats e especies da Directiva 92/43 CEE, xa que os terreos nos que se ubica a Casa Grande de Lusío están incluídos na Rede Natura 2000 e fan parte da ZEC Ancares-Courel. Asemade, a traza histórica do Camiño de Santiago (Camiño Francés) discorre perto das localizacións das cortas. 

Dende ADEGA demandamos a inmediata execución da suspensión dos traballos de corta, e en especial urximos á actuación da Consellería de Medio Rural para que mande executar a orde de paralización e abra o correspondente expediente sancionador, tendo en conta que tanto a empresa como as persoas propietarias dos terreos incumpriron deliberadamente a súa orde de paralización.  

Así mesmo, demandamos a outros organismos competentes que actúen con dilixencia e urxencia para evitar danos irreparábeis tanto ambiental como patrimoniais. ADEGA presentará unha denuncia perante a fiscalía por posíbel prevaricación e dano ambiental se a Consellería non actúa de inmediato.

Día Mundial da Terra

Ligado a esta denuncia, e con motivo da celebración do Día Mundial da Terra este luns, 22 de abril, a organización ecoloxista ADEGA fai un chamamento xeral a todas as autoridades públicas para que estean sempre vixiantes para evitar a consumación de agresións ambientais coma esta que nos ocupa.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal