ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / Proxecto Ríos pola diversidade e a inclusión

16-04-2024

Proxecto Ríos pola diversidade e a inclusión


O Proxecto Ríos, coordinado pola asociación ecoloxista ADEGA, e en colaboración coa UNED de Lugo, realizará ao longo desta semana varias saídas formativas co fin de apoiar a inclusión a través do voluntariado ambiental. Este proxecto permite que as persoas con diversidade funcional se acheguen ao territorio e participen na conservación dos ecosistemas fluviais. As actividades contan co apoio da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

En concreto, o Proxecto Ríos realizará saídas formativas en Lugo con ASPANANE Viveiro (Asociación de Pais de Nenos e Adolescentes con necesidades especiais) o próximo mércores 17 de abril; con DOWNLugo o vindeiro xoves 18 de abril; e con COGAMI (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) o próximo venres 19 de abril. Todas estas actividades partirán das instalación da UNED de Lugo.

A través deste proxecto, o voluntariado adopta un treito de río cerca da súa localidade e nel realiza dúas inspeccións ao ano para analizar o seu estado de saúde, tanto a calidade das súas augas como o ecosistema fluvial no seu conxunto, a flora e a fauna. Para iso, o voluntariado dispón de materiais adaptados ás súas (dis)capacidades e tamén reciben formación sobre a metodoloxía empregada para a inspección de campo. Tras as inspeccións, o persoal de ADEGA elabora un informe que recolle os datos obtidos sobre o estado do seu treito de río (caudal, características físico-químicas da auga, macroinvertebrados presentes, etc.).

Con estas saídas formativas, ADEGA e o Proxecto Ríos dan continuidade ao traballo desenvolvido ao longo dos 20 anos de vida do proxecto coas entidades sociais que traballan con persoas con discapacidade, xa que o seu éxito será maior canto máis voluntariado participe no coidado dos ríos. As metodoloxías e materiais adaptados están dispoñibles gratuitamente para as organizacións que o desexen, e tamén terán acceso a unha xornada formativa específica.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal