ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA abre campaña de recadación para recorrer no...

15-04-2024

ADEGA abre campaña de recadación para recorrer no TSXG o polígono eólico Monte Xesteiros da Estrada

O P.E. Monte Xesteiros proxéctase no Concello da Estrada, nunha zona habitada por fauna protexida e especies de flora endémicas.


A asociación ecoloxista ADEGA procura os fondos necesarios a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para frear o polígono eólico Monte Xesteiros, proxectado na Estrada. ADEGA lanza este novo micromecenado co obxectivo de reunir os 9.500 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A súa autorización administrativa previa foi publicada no Diario Oficial de Galiza o pasado xoves, 22 de febreiro, e prevese que no vindeiro mes de maio se publique a autorización de construción, na que se determinen as características definitivas do proxecto.

ADEGA suma así un novo desafío á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza. Unha campaña que ata o de agora permitiu levar ante a Xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Rodicio II, Monte Toural ou Serra do Punago.

Para poder contribuír a este novo desafío #TPP, o primeiro de 2024, ADEGA acaba de facer pública a seguinte páxina online de crowdfunding, en colaboración coa veciñanza afectada: https://tipodesparalos.helpbysc.com/montexesteiros. A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo de doazóns necesario na defensa do rural e o medio ambiente galegos fronte á actual invasión eólica.

O proxecto fai perigar os recursos hídricos das aldeas

O parque eólico Monte Xesteiros contempla a instalación de seis aeroxeradores de case 200 metros de altura e unha potencia total de 33 MW no concello da Estrada. Situaríase nun espazo natural con abundantes zonas húmidas nas que habitan especies animais con distintos graos de protección e nas que campan e aniñan aves en estado vulnerable. Tamén poñería en risco especies de flora endémicas da zona noroeste da península ibérica, que se atopan xusto nos puntos de cimentación das zapatas dos eólicos, como o Narcissus Triandrus ou o Narcissus Bulbocodium.

O proxecto ten unhas afectacións hidrolóxicas de vital importancia para a vida das persoas, da gandaría e da agricultura da comarca, xa que fai perigar as redes de abastecemento de auga das aldeas da contorna. Os impactos do proxecto sobre as actividades económicas destas zonas, unido á proximidade das infraestruturas aos núcleos de poboación, fan que este polígono conte cunha forte oposición veciñal. Os muíños teñen unha incidencia directa sobre todo o Val de Vea, Cuntis, Valga, as parroquias de Santa Mariña e San Miguel de Barcala e a zona de Carcacía, ao outro lado do Ulla.

Así mesmo, espazos naturais como as Eiras dos Mouros, unha singular lagoa chea de lendas, ou a famosa Fonte da Virxe no lugar de Frades, veríanse igualmente afectados. Tamén sucede con bens patrimoniais de relevancia no concello, como a Igrexa de Santa Mariña de Barcala ou a capela de Requián. Ademais, a localización do parque transcorre coincidente con varias necrópoles nas que se atopan distintas mámoas e túmulos da Idade de Bronce, así como distintos achados arqueolóxicos de gravados e petróglifos, algúns deles en fase de estudo.

Obxectivos de recadación

O obxectivo mínimo de recadación colectiva establecido por ADEGA para este desafío é de 9.500 euros. Esta recadación establécese en dúas fases. A primeira terá unha duración de 1 mes desde o 15 de abril, na que será preciso acadar un mínimo de 4.500 euros, o que garantirá a presentación por parte de ADEGA dos recursos de alzada contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción do proxecto eólico e a elaboración do informe técnico ambiental. Nunha segunda fase procuraranse acadar 5.000 euros para a interposición do recurso contencioso-administrativo contra a autorización administrativa previa e contra a autorización de construción no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como para a solicitude de paralización cautelar.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal