ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As organizacións ecoloxistas piden á Xunta que...

25-03-2014

As organizacións ecoloxistas piden á Xunta que remate coa caza de aves en perigo de extinción en Galiza

Na xuntanza do Comité Galego de Caza celebrada o pasado 21 de marzo, o representante das organizacións ecoloxistas pedíu á Xunta que prohiba a caza da conícora (ou avefría) e da agacha (ou becacina) en Galiza a partires da vindeira tempada 2014-15, alomenos até que se aproben os respectivos “planos de recuperación” obrigatorios por lei para estas especies.

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas (Decreto 88/2007) considera “en perigo de extinción” ás poboacións reprodutoras de conícora (Vanellus vanellus) e agacha (Gallinago gallinago), debido a que a súa “supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando” e débense elaborar os correspondentes “planos de recuperación” destas dúas especies.

Malia á grave ameaza da extinción e ao descoñecemento dos movementos dispersivos e migratorios das poboacións reprodutoras galegas, tanto a conícora como a agacha considéranse especies cazábeis durante a tempada cinexética en Galiza (só as poboacións non nidificantes) polo que existe o risco de que exemplares reprodutores, xa que logo considerados “en perigo de extinción”, sexan abatidos durante a tempada de caza.

En Europa, a tendencia dende 1980 amosa que as poboacións de conícora (V. vanellus) e agacha (G. gallinago) están a sufrir un declive moderado e estatísticamente significativo, baseado nos datos provisionais para 21 paises nos que se avalían as tendencias poboacionais das aves comúns (BirdLife International, 2014).
   
Se ben a meirande parte das poboacións de conícora (V. vanellus) son completamente migratorias, algunhas poboacións reprodutoras nas rexións máis temperadas son sedentarias (del Hoyo et al. 1996), polo que existe un risco certo de que durante a tempada de caza en Galiza se abatan conícoras que poderían tentar a cría. A información disponíbel para a agacha (G. gallinago) tampouco permite confirmar ou desbotar esta posibilidade polo que, en aplicación do principio de precaución, tamén debería vedarse.

A población global de conícora (V. vanellus) está concentrada en Europa onde as poboacións reprodutoras eran bastante estábeis até 1990, pero dende entón a especie sufriu un forte declive (maior do 30%). En consecuencia, a nivel europeo, esta especie que previamente gozaba dun estatus “seguro” agora está clasificada como “vulnerábel” (European Commision 2009). A conícora (V. vanellus) só se caza en Francia, España, Italia, Malta e Grecia e a caza considérase como unha ameaza de nivel medio (European Commision 2009).

As organizacións asinantes lembramos a Conservación da Natureza que debe garantir a protección destas especies ameazadas en Galiza, sendo a súa conservación prioritaria sobre calquera outro aproveitamento, incluida por suposto a caza. Seguir permitindo a súa caza suporía unha irresponsabilidade e unha grave deixación de funcións: Ante a dúbida sobre o estado destas especies, o primeiro é investigar e aplicar o principio de precaución, non disparar.

Asinan:

ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza)
SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural)
SGO (Sociedade Galega de Ornitoloxía)
FEG (Federación Ecoloxista Galega, 19 organizacións)

Referenzas
:

BirdLife International. 2014. IUCN Red List for birds. Downloaded from http://www.birdlife.org on 21/03/2014.

del Hoyo, J.; Elliott, A.; Sargatal, J. 1996. Handbook of the Birds of the World, vol. 3: Hoatzin to Auks. Lynx Edicions, Barcelona, Spain.

European Commision. 2009. Lapwing Vanellus vanellus. European Union Management Plan 2009-2011. 58 páx

Descargas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal