ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / A Demarcación de Costas e o Concello de Cedeira...

20-03-2014

A Demarcación de Costas e o Concello de Cedeira prevén soterrar unha reserva mariña “antes do verán”

Para ADEGA e SomosCedeira o recente anuncio do acordo entre a Demarcación de Costas e o Concello de Cedeira para “reparar” os danos do temporal, non ven máis que a constatar o desinterese destas dúas institución por solucionar o problema existente na praia da Madalena. O apuro por lucir unha praia bonita no verán para que os turistas poidan tomar o sol, que implicará o deterioro dunha reserva mariña parece ser a idea que Costas e o Concello teñen de repara danos.

A pesar de comezar o proceso de avaliación ambiental para a realización dunha actuación na praia, agora obvian este procedemento, para sen ningún tipo de estudo soterrar a reserva mariña de interese pesqueiro existente na Enseada de Cedeira. O deitado de area nun espazo protexido require segundo a Lei 21/2013 unha declaración de impacto ambiental completa, que non existe, e que non pode realizarse antes do verán seguindo os prazos establecidos por esta lei, trátase polo tanto dun procedemento ilegal.

Se ben a Demarcación de Costas está a realizar sistematicamente un deitado de area en toda a costa galega, na Praia de Cedeira é máis sangrante xa que a reserva mariña de interese pesqueiro é a fonte de ingresos de moitas familias desta vila mariñeira. Con este procedemento ilegal non só se vai a prexudicar seriamente un espazo natural (e unha fonte de ingresos para a vila) senón que se tira ao mar unha enorme cantidade de cartos sen solucionar o problema. Con esta será a terceira vez dende o 2001 que costas reenche esta praia, sen que esta medida pareza dar algún froito.

A solución para o problema que sufre a praia da Madalena non se pode realizar a pequena escala e curto prazo, senón que precisa da realización dun estudo e dun proxecto que inclúa toda a enseada e que cubra todos os factores que inflúen na praia. Que unhas institucións públicas invertan ilegalmente diñeiro público para non dar unha solución e prexudicar o medio ambiente debería estar penado.

Ligazóns

Novas relacionadas

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Travesa dos Basquiños, 9-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal