30-11-2023
Co apagado definitivo da central de carbón das Pontes en outubro pasado, a plataforma "Galiza, un futuro sen carbón" viu cumprido o seu obxectivo de pór fin ao uso do carbón na nosa terra antes de 2025. Agora, xusto cinco anos despois do seu nacemento, transfórmase en "Galiza sen gas" para demandar o abandono do gas fósil antes de 2035.
O fin da xeración eléctrica con carbón foi un enorme logro climático do que nos felicitamos. Así, a caída do 95,5% na produción das centrais térmicas de carbón acontecida entre 2018 e 2021 foi, de lonxe, a causa principal do descenso do 34% nas emisións galegas de gases de invernadoiro no mesmo período (2021 é o ano máis recente con datos oficiais sobre as emisións).
Porén, o atraso na transición enerxética está a facer que unha parte importante do oco deixado polo carbón na produción eléctrica sexa ocupado polo gas fósil, tamén chamado gas natural. Segundo o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), o consumo galego de gas fósil medrou o 47,4% entre 2016 e 2021, sobre todo na xeración eléctrica. O gas é o combustible fósil máis empregado hoxe en Galicia, tanto na xeración eléctrica como na de calor.
O gas fósil está a ter un papel excesivo na nosa transición enerxética. O seu uso incluso medrou máis que o do total das renovábeis durante o que levamos de século (1). A utilización do gas fósil como respaldo das renovábeis na produción eléctrica e como fonte de calor pode e debe diminuír rapidamente mediante a redución do consumo enerxético e o desenvolvemento renovábel. Despois do carbón, o seguinte combustible fósil a abandonarmos é o gas fósil, pois o emprego do petróleo, do que aínda son extremadamente dependentes o transporte e o sector primario, terá que alongarse un pouco máis que o do gas.
No seu manifesto fundacional (2), a plataforma "Galiza sen gas" propón catro grandes obxectivos:
1. Segundo os balances enerxéticos do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) da Xunta, a enerxía primaria achegada polo total das fontes renovábeis pasou de 1.023 ktep (kilotoneladas equivalentes de petróleo) no ano 2000 a 2.695 en 2021 (+1.672 ktep, +163%). Mentres que a proporcionada polo gas fósil creceu desde 195 a 2.108 (+1.913 ktep, +981%).
2. O texto completo do manifesto pode lerse en https://galizasengas.org/manifesto/.
ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal