ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / ADEGA lanza unha campaña de recadación para...

23-10-2023

ADEGA lanza unha campaña de recadación para protexer os Sobreirais do Arnego do parque eólico Zamorra

A asociación ecoloxista ADEGA activa outro desafío #TiPodesParalos para intentar recorrer o polígono eólico Estivada, proxectado en Agolada.

A asociación ecoloxista ADEGA chama á colaboración da cidadanía a través da campaña de doazóns #TiPodesParalos para emprender accións xudiciais fronte a un novo proxecto eólico autorizado: Zamorra, no concello de Agolada. A campaña #TiPodesParalos ten como obxectivo recadar os fondos necesarios para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico depredador e insustentábel promovido pola Xunta de Galiza.

Entre os Sobreirais do Arnego e a Serra do Careón

O parque eólico Zamorra, impulsado por Green Capital Power, proxecta un total de 7 aeroxeradores de 200 metros de altura ente dous espazos da Rede Natura e as súas áreas de ampliación: a ZEC Sobreirais do Arnego e a ZEC Serra do Careón. A disposición deste proxecto xunto co proxecto eólico Estivada, que ADEGA tamén procura recorrer no TSXG, creará un "efecto barreira" para a translación de avifauna ameazada entre estas áreas, con posible presenza de tartaraña cincenta e gatafornela. Así mesmo, este polígono compromete seriamente a viabilidade de varias explotacións agropecuarias e a calidade das augas de consumo dunhas aldeas que, ademais, foron historicamente agraviadas polos abusos das grandes eléctricas (co encoro de Portodemouros e outros proxectos eólicos en funcionamento).

A riqueza natural da zona, ademais da posible fragmentación artificiosa co P.E. Estivada, leva a ADEGA a impulsar esta campaña de recadación colectiva cun obxectivo mínimo de 6.500 euros, establecido en dous retos correspondentes ás distintas fases de acción xurídica: en primeiro lugar, a presentación por parte de ADEGA do recurso de alzada e a elaboración do informe técnico ambiental; e en segundo termo, a interposición do recurso contencioso-administrativo no Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, así como a solicitude de paralización cautelar. Para poder contribuír a este desafío #TPP, ADEGA pon a disposición a seguinte plataforma online de crowfunding: https://tipodesparalos.helpbysc.com/zamorra

#TiPodesParalos consegue recorrer 25 proxectos eólicos

A campaña #TiPodesParalos reuniu ata o momento máis de 170.000 euros, un fito de recadación solidaria para o movemento ecoloxista a prol dunha transición enerxética xusta e sustentable. Os últimos desafíos en superar os seus obxectivos de recadación para poderen ser recorridos nos tribunais foron os parques eólicos proxectados sobre Ancares, Courel e Macizo Central Ourensán. Con eles, xa son un total de 25 os polígonos que ADEGA recorrerá vía contencioso-administrativa no TSXG. ADEGA chama agora a facer un último esforzo para conseguir os fondos necesarios para poder impugnar tamén os proxectos Estivada, Zamorra e Paraño Oeste (para este último tan só resta un día de prazo).

Desafíos #TPP en activo

Todos e cada un dos desafíos #TPP impulsados por ADEGA poden ser consultados na páxina web https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio. Ademais, ADEGA tamén vén de lanzar unha plataforma complementaria desde a que calquera persoa pode iniciar a súa propia recadación de fondos para apoiar a causa: https://retotpp.heroes.help/. Todas as doazóns que se efectúen poderán desgravar até o 80% na declaración da renda.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal