ADEGA

Inicio / Novas / Educación ambiental / Máis de 1700 persoas participan na XII Limpeza...

11-10-2023

Máis de 1700 persoas participan na XII Limpeza Simultánea de Praias

Cerca de 40 entidades e máis de 1750 persoas sumaron os seus esforzos ao longo do litoral galego para limpar as praias e denunciar a problemática ambiental do lixo mariño durante a pasada fin de semana (6 e 7 de outubro).

Nesta duodécima edición da Limpeza Simultánea de Praias retirouse, en total, máis dunha tonelada de lixo dos nosos areais.

O tempo acompañou o voluntariado nesta ocasión e moitas das persoas aproveitaron os seus areais acabados de limpar para pasar unha tarde de lecer, despois dun traballo ben realizado

Na actividade, coordinada por ADEGA, participaron centros de ensino, asociacións, escolas de surf, particulares de todo o territorio galego, que traballaron de xeito organizado na praia elixida por cadaquén.

De entre o lixo retirado, tiveron moita presenza as cabichas, os pauciños dos ouvido, toalliñas e produtos de hixiene e, como vén sendo habitual, restos plásticos. Ademais, adoitan aparecer residuos menos convencionais como calzado, traxes de baño, tubos, sinais de tráfico, rodas...

Con este tipo de accións, a organización pretende poñer o foco sobre a problemática dos residuos nos nosos areais despois da tempada turista así como a importancia de conservar a nosas praias libres de lixo, evitando que acabe no mar.

Ademais, ADEGA incide en que as limpezas de praias non deben de ser feitos illados, e convida a calquera persoa a recoller o lixo do noso litoral sempre que poida e de xeito manual, respectando os ecosistemas dunares, e tendo especial coidado coa fauna e flora que nelas habita.

ADEGA agradece enormemente a participación de todas as persoas que organizaron e participaron como voluntarias en todas as limpezas.

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal