ADEGA

Inicio / Novas / Delegacións / ADEGA-Lugo presenta as xornadas ambientais de...

26-07-2023

ADEGA-Lugo presenta as xornadas ambientais de verán "Os catro elementos"

Nos meses de xullo e setembro, a delegación de Lugo de ADEGA organiza a cuarta edición das xornadas ambientais de verán “Os catro elementos”,unha actividade por cada un dos elementos, coas que achegar as persoas á natureza e a hábitos de vida máis sustentábeis.

AIRE: As aves, animais que danzan no ar Sábado 29 de xullo de 10-14h. Picato. Comezamos as xornadas este sábado, cunha pequena andaina polo Picato, para aprender a identificar as aves máis habituais desta zona ameazada pola construción dun parque eólico. Guiará esta actividade o biólogo e presidente de ADEGA Roi Cuba.

TERRA: O solo, ecosistema vivo e vulnerábel Luns 4 de setembro de 17 a 20h. Río Rato. A segunda das actividades será unha práctica de iniciación á edafoloxía da man de María J. Fernández Sanjurjo, do grupo de edafoloxía da USC. Coñeceremos a formación e importancia do solo social e medioambientalmente así coma as súas ameazas actuais.

LUME: A enerxía imprescindíbel Martes 5 de setembro de 17-19h. Albeiros. A terceira das actividades será unha vista á instalación de autoconsumo de Xose Manuel Fernández, socio de ADEGA. Coñeceremos as características do funcionamento do autoconsumo e da súa xestión.

AUGA: Ríos, as veas da terra Domingo 10 de setembro de 10-14h. Río Miño Dedicamos a última das actividades á auga. Faremos unha pequena andaina dende Adai ata Ombreiro á beira do río Miño, e teremos a oportunidade de coñecer algo máis sobre o ciclo da auga na cidade de Lugo. Guiará esta actividade Branca Rodríguez Pazos, da asociación Lugo Patrimonio.

Para participar nas actividades é necesario inscribirse a través do formulario que hai na web de ADEGA (adega.gal) ou escribindo a adegalugo@adega.gal.

Todas as actividades son de balde e contan con seguro de accidentes.

Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal