ADEGA

Inicio / Novas / ADEGA Nacional / As acusacións da Xunta, patronal eólica e CCOO...

14-07-2023

As acusacións da Xunta, patronal eólica e CCOO contra o poder xudicial son indecentes e antidemocráticas

ADEGA manifesta o seu estupor polas acusacións públicas que a patronal eólica, a Xunta de Galicia e o sindicato CC.OO. están a verter contra o poder xudicial e, en concreto, contra os maxistrados da Sala Terceira do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que fallaron as sentenzas anulatorias dos proxectos eólicos Campelo e Bustelo, recorridos por ADEGA, ou a pararlización cautelar dos proxectos Monte Toural, entre outros.

Tales declaracións son unha manifestación máis dos abusos e da política antidemocrática na que se basea o actual proceso de implantación invasiva da enerxía eólica en Galiza, unha política enerxética alineada exclusivamente cos intereses privados das multinacionais eléctricas, que lexisla en contra do interese xeral e que se manifestou reiteradamente nos últimos anos nos recortes dos dereitos fundamentais da cidadanía, na opacidade informativa e na desregulamentación das normas que protexen o medio ambiente e o dereito de participacion publica.

Os ataques e as descalificacións vertidas pola patronal eólica, a confederación de empresarios, altos cargos da Xunta e mesmo polo sindicato CC.OO. contra o poder xudicial están a facer un fraco favor aos principios fundamentais da democracia representativa, sobardando a liña do respecto á separación de poderes e ás institucións, por canto carecen de calquera fundamento ou proba e, nin tan sequera, entran a rebater con argumentos xurídicos os contidos das sentenzas do TSXG que veñen de anular proxectos industriais eólicos non conformes a dereito.

Estas manifestacións tampouco aforran en descalificativos contra as entidades ecoloxistas e sociais que estamos apelando á legalidade vixente na defensa do medio ambiente e do interese público fronte os abusos das elites de poder, exercendo precisamente unha función que lle é propia á administración pública pero que esta abandonou desde hai tempo. Desde ADEGA demandamos tamén respecto polo traballo e a función que estamos a cumprir as organizacións sociais e sen ánimo de lucro do país, respecto para todas as plataformas de afectados e afectadas que nos últimos dous anos viron asoballados os seus dereritos e respecto á legalidade vixente e acatación das sentenzas.

Inseguridade xurídica ou disposicións normativas ilegais?

Por outra banda, sorprende que a patronal eólica e a Xunta de Galiza acusen aos xuíces e tribunais ou ás organizacións ecoloxistas de crear inseguridade xurídica, cando foi precisamente o executivo do PP, coas súas reformas normativas e novas disposicións legais, o que xerou a contravenencia do actual modelo de implantación eólica co marco legal vixente. As chamadas leis de “depredación” de 2017 e 2021 viñeron a recortar garantías na avaliación ambiental e dereitos de participación pública, reducindo de maneira irregular o período de alegacións á metade, ou limitando o acceso á información pública dos informes sectoriais.

Ao tempo, o Plan Sectorial Eólico de Galicia, procedente de 1997, non foi sometido a avaliación ambiental estratéxica nin a consulta pública, como temos denunciado os colectivos sociais insistentemente nos últimos dous anos, polo que tampouco constitúe un instrumento de planificación adecuado para un desenvolvemento equilibrado e ordenado da enerxía eólica, colidindo a todas luces co interese xeral. Tamén reiterada e incansablemente, ADEGA e outras organizacións, temos reclamado ao executivo galego unha moratoria dos proxectos eólicos en tramitación para poder deseñar participada e democraticamente unha planificación do sector equilibrada, xusta e ambientalmente viable. A Xunta tampouco cumpriu coa súa obriga legal de ampliar os espazos protexidos de Rede Natura para preservar as zonas de maior valora ambiental dos impactos da eólica industrial e garantir a conectividade ecolóxica territorial.

E non debemos esquecer que algunhas das empresas promotoras que pretenden instalar no noso territorio ducias de proxectos eólicos industrais están a recorrer á estratexia espuria da fragmentación artificial de proxectos, coa conivencia do goberno da Xunta, para escapar ao control do Estado ou esquivar as garantías de avaliación ambiental, tal e como xa teñen sentenciado, por certo, distintos tribunais de xustiza. 

Por tanto, nin o executivo galego nin a patronal eólica teñen razóns para “patalexar” contra os recentes fallos xudiciais, xa que son cómplices e responsables da situación de incertidume pola que actualmente pasa o sector. Tampouco é xusto nin decente que agora traten de cargar sobre as entidades sociais e as institucións de xustiza os efectos e as responsabilidade da súa pésima xestión. 

“Ti podes paralos!” empodera á sociedade galega contra o espolio eólico

Desde ADEGA manifestamos a nosa intención de seguir defendendo o patrimonio natural e cultural de Galiza da invasión eólica por todas as vías que pon á nosa disposición o Estado de Dereito, incluída a vía do recurso contencioso-administrativo. Seguimos mantendo o noso compromiso, adquirido a través da campaña de recadación solidaria “Ti podes paralos!”, de recorrer nos xulgados unha trintena de proxectos eólicos especulativos, co obxectivo de evitar danos irreparábeis no noso territorio e de procurar outro modelo de implantación de enerxías renovábeis que sexa xusto coas persoas e compatible coa conservación da biodiversidade.

Así pois, animamos máis que nunca á sociedade civil a combater os abusos e privilexios das grandes multinacionais da enerxía e o desleixo e servilismo da Xunta de Galiza, apoiando a campaña de ADEGA  “Ti podes paralos!” (https://tipodesparalos.helpbysc.com/inicio).

Esta iniciativa está destinada a recadar solidaria e colectivamente os fondos necesarios para poder defender nos tribunais o territorio galego da depredación eólica. Actualmente, o pobo galego xa contribuiu con máis de 84.000 euros aos fins da campaña, e máis dunha ducia de desafíos xa conseguiu superar obxectivos de recadación.


Ligazóns

ADEGA / Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza
Avenida de Castelao, 20-Baixo 15704 Santiago de Compostela
Tlf/Fax: 981 570 099 Email: adega@adega.gal